
O Goberno Municipal co apoio da maioría salvagarda no Pleno Extraordinario os pagos a 10 empresas e 238 proveedores
O Goberno Municipal de Porriño, co apoio da maioría da corporación “garante o pagamento ós empresarios e proveedores de Porriño fronte á política de atrancos do PP que aínda non asumiu que non gobernará este concello neste mandato”, manifestou Eva García, alcaldesa da vila.
De xeito que a maioría da Corporación coa suma de votos de concelleiros do PSOE, EU Son, BNG e grupo mixto -Manuel Carrera- derrotou as propostas do Partido Popular durante a sesión celebrada este mediodía.
O PP pretendía con este Pleno Extraordinario convocado pola súa iniciativa, frear os pagos a proveedores e empresas opoñéndose ás modificacións de crédito prantexadas. Asímesmo o PP demandaba “unha revisión de oficio de toda a facturación dos exercicios 2016, 2017 e 2018 para depurar as irregularidades que se tiveran cometido”, segundo expuso o voceiro popular Alejandro Lorenzo.
Respondendo, Lourdes Moure, a concelleira de Fazenda,: “Iso suporía atrancar o funcionamento do Concello de Porriño durante anos e terminar pagando con xuros o que se debe” ; lembrando ao voceiro da oposición “cando vostede estivo no goberno municipal con Nelson Santos, aprobaron pagos de facturas por 18 millóns de euros mediante modificacións de créditos e recoñecementos extraxudiciais”, sinalou a voceira socialista.
“Unha revisión xeral de oficio da facturación pendente sería unha temeridade” segundo Manuel Carrera mentres que Pedro Pereira e Pedro Ocampo tamén coincidiron en manifestar durante o pleno o seu rexeitamento a unha revisión de oficio “que sería unha temeridade” apostillou o voceiro do BNG. Pola súa banda Ocampo fixo a observación de que na conta 413 “sí se revisarán algunhas das facturas segundo acordamos na comisión informativa”, extremo co que estiveron dacordo BNG e PSOE.
Os concelleiros do PP presentaron votos particulares contra as modificacións de crédito propostas polo goberno municipal. Os votos particulares foron derrotados e as propostas do goberno municipal saíron con 9 votos a favor -PSOE, EU Son, BNG e Carrera- e 8 abstencións -PP-.
Unha desas modificacións de crédito, polo tanto aprobada hoxe, por importe de 473.000 € é para pagar facturas con recoñecemento extraxudicial a 10 empresas por servizos e obras. A aprobación da operación garante o pagamento en breve.
A outra modificación é por importe de 1.700.000 €. O acordo adoptado hoxe pola maioría da Corporación determina a xeneración do crédito para o pagamento a 238 proveedores e empresarios do Concello de O Porriño. Agás aquelas facturas que deban ser revisadas segundo o acordo de PSOE, EU Son e BNG. Para as restantes aínda que estará a súa ratificación no seguinte pleno, que será o ordinario de setembro.
Outro punto da sesión era a ratificación do contrato coa empresa “Ascan” para a limpeza viaria, conforme decidiu hai meses a mesa de contratación. O PP pretendía derogar esa adxudicación alegando supostas deficiencias na prestación, e tamén prantexou un voto particular que foi derrotado pola maioría da corporación. Sergio Casal, concelleiro de Medio Ambiente do goberno municipal defendeu a adxudicación que “foi decidida nunha mesa de contratación con 4 técnicos sen intervención de políticos”. A adxudicación a “Ascan” foi ratificada con 7 votos a favor -PSOE, EU Son e Carrera- e 10 abstencións -PP e BNG-.
Por último, nesta sesión plenaria quedaron finalmente aprobadas as retribucións da alcaldesa e concelleiros que forman o goberno municipal en réxime de adicación exclusiva, asunto que quedou pendente no pleno municipal do pasado 12 de xullo. As retribucións anuais por adicación exclusiva, divididas en 14 pagas, son de 38.761,20 €, para a Alcaldía e de 34.016,78 € para os concelleiros tal como se sinala na páxina web do Concello.