Redacción 04/09/2019

A Secretaria Xeral da Igualdade, a alcaldesa de Mos e as concelleiras mosenses Sara Cebreiro, Begoña Toucedo e Julia Loureiro presentaron a segunda xuntanza feminina nas Illas Cíes programada para o 21 de setembro,

Esta iniciativa pon en valor a importancia da muller na sociedade mosense

 

 

 A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro; a edil de Participación Cidadá, Begoña Toucedo; e a tamén edil mosense Julia Loureiro, presentaron onte xunto coa Secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella, a segunda edición da iniciativa ‘Mulleres nas Cíes’, na que o ano pasado participaron centos de veciñas. A xuntanza feminina en Cíes está programada para o vindeiro 21 de setembro e persegue o obxectivo depoñer en valor a importancia da muller na sociedade mosense, así como previr e concienciar contra a violencia de xénero.

O prazo de inscrición nesta actividade abrirase mañá, xoves 5 de setembro, e permanecerá aberto ata completar o total de prazas dispoñibles. As interesadas en inscribirse deberán facelo presencialmente no Rexistro do Concello de Mos en horario de 09.00 a 14.00 h.

Esta iniciativa é posible grazas á colaboración entre a Xunta e o goberno local en materia de igualdade e violencia de xénero e ten como obxectivo a prevención e erradicación da violencia de xénero na localidade, así como a posta en valor da importancia do papel da muller na sociedade mosense. Toda a xuntanza –desprazamentos en barco e autobús e actividades a desenvolver ao longo do día nas Illas- é gratuíta para as participantes.

As mulleres participantes serán recollidas polos autobuses en Mos a primeira hora da mañá para levalas ao Porto de Vigo onde collerán o barco rumbo ás Illas. Unha vez en Cíes, as participantes realizarán unha ruta de sendeirismo para coñecer o parque natural das Illas e ámetade da xornada en Cíes celebrarase un xantar campestre para o que as participantes levarán a súa comida, xa que a idea é compartir entre todas.

Tras o xantar levarase a cabo unha actividade de ocio que terá como obxectivo a prevención e erradicación da violencia de xénero, así como a posta en valor da importancia do papel da muller.

A Secretaria Xeral, Susana López Abella, destacou “a importancia de traballar pola promoción da igualdade con iniciativas coma esta. De feito, moitos son os froitos que socialmente dan accións deste tipo”. Abella salientou tamén “o peso do movemento asociativo feminino e a súa capacidade para poñer de relevo o patrimonio cultural e a capacidade e o saber facer das mulleres galegas”. Das mulleres mosenses, entre as que incluíu ás representantes municipais Arévalo, Cebreiro, Toucedo e Loureiro como é lóxico; López Abella declarou que “son mulleres dinámicas, activas, que apostan pola formación, pola información, polo emprendemento, a conciliación, que se poñen novos retos e por suposto se implican na eliminación das discriminacións e en mellorar a situación das mulleres. Mulleres seguras de sí mesmas na toma de decisións, que dan pulo á dinamización económica, social e cultural do Concello de Mos e loitan pola igualdade de oportunidades. Dende o goberno galego apoiamos esta xuntanza para poñer en valor todo este potencial feminino e será unha verdadeira honra compartir con elas a xornada do sábado 21 de setembro”.

Pola súa banda a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, declarou que “o de Mos é un Concello con numerosas políticas e medidas en materia de igualdade, accións que se incrementan progresivamente con iniciativas coma esta, do que dende a administración local sentímonos moi orgullosos”.

Entre outras moitas, destacan no Concello de Mos as seguintes liñas de actuación en materia de igualdade: a posta en marcha do CIM (Centro de Información á Muller) no verán de 2017, a constitución dunha Comisión Municipal de Igualdade, creada con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénerodo 25 de novembro tamén de 2017 e integrada por representantes de todas as asociacións mosenses, a Mesa Local contra a Violencia de Xénero que se celebra cada seis meses no Concello de Mos, o Grupo Municipal de Teatro ‘Mulleres na Igualdade’ que actúa en localidades de toda a provincia, organización de actividades concienciadoras en materia de igualdade nos centros educativos dirixidas tanto ao alumnado de Educación Primaria como aos mozos e mozas do Instituto (ESO e Bacharelato), realización de programas de apoio á concienciación da vida familiar e laboral, inclusión na Rede de Entidades Locais en contra da Violencia de Xénero e formalización dun convenio coa Xunta de Galicia, asinado fai dous anos, sobre prevención da violencia de xénero no ámbito laboral.

“Perséguese polo tanto, con todas as acción que emprendemos en materia de igualdade, entre as que se atopa esta xuntanza en Cíes, o obxectivo dunha maior prestación de servizos encamiñados a promover e executar actuacións para facer efectivo o dereito a igualdade de trato e de oportunidades entre homes e mulleres, así como mellorar os servizos de atención persoal e asesoramento ás mulleres que o necesiten e coordinar as actividades municipais coas distintas administracións públicas que ostentan competencias na materia” explica Arévalo, rexedora local mosense.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad