Isabel Vilela visita o Concello por primeira vez dende que preside a Institución e é recibida pola Corporación Municipal en Pleno, xunto con representantes da Asociación de Palilleiras de Mos e veciños
A actual presidenta da Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires, Isabel Vilela, está a realizar a súa primeira visita ao Concello de Mos dende que ocupa este cargo, e esta mañá, foi recibida no Pazo de Mos polos membros da Corporación Municipal ao completo, tras a celebración do Pleno ordinario do mes de xullo.
No acto tamén estiveron presentes representantes da Asociación de Palilleiras de Mos, entre os que se atopaba a súa presidenta, Monserrat Pereira; que lle fixeron entrega a Vilela dun agasallo oficial das Palilleiras para Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires.
A presidenta da agrupación arxentina tivo tamén a ocasión de asinar o libro de ouro do Concello de Mos, no que deixou unha dedicatoria moi especial: “Es un honor para mí, como Presidenta de los Residentes de Mos en Buenos Aires, e hija de una mosense de Tameiga; y sobrina nieta de uno de los fundadores de la Institución, visitar este municipio tan querido y recordado desde el otro lado del Atlántico. Quiero expresar mi gratitud por el estrecho vínculo y la generosidad con que nos tratan. Somos Mos, somos vos. Mos, 29 de julio de 2019”.
A rexedora local mosense, Nidia Arévalo, destacou o gran labor da Asociación na emigración e o apoio a tantos emigrantes mosenses que, dende o ano 1918 (data na que se fundou a Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires), chegaron a un país descoñecido e moitas veces adverso.
A alcaldesa lembrou que o ano pasado a Asociación dos mosenses que se atopan a 12.000 km de distancia celebrou o seu centenario e insistiu no esforzo dos seus integrantes para manter vivas as raíces e tradicións dos seus ancestros.
A Asociación goza dun gran sentimento cara á cultura galega, sempre representada polas súas Escolas de Baile, Gaita e Canto Tradicional Galego. Un aspecto a destacar é o seu interese e esforzo para que a xuventude participe na Asociación e se convirta no seu motor e poder así manter vivas as raíces mosenses. Deste xeito contribúe a manter intactos e perfectamente conservados os costumes culturais que foron herdados de xeración en xeración, xa que moitos dos membros da Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires son xa fillos e netos de emigrantes mosenses en Arxentina.
A Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires é reflexo dos centos de persoas deste Concello que deixaron a súa terra nai na procura dun futuro máis próspero para eles mesmos pero tamén para os seus descendentes, e familiares que quedaron en Mos, como é exemplo o legado ós veciños de Mos da Escola de Cototorrón, impagable doazón en prol da súa educación e loita contra o analfabetismo daqueles tempos, e que hoxe alberga unha Escola Infantil da rede A Galiña Azul.