Redacción 23/07/2019

O festival será escenario das campañas de igualdade e sustentabilidade que desenvolve a Deputación no primeiro fin de semana de agosto

 

 

Música, gastronomía, enoloxía e natureza. É a combinación que ofrece o SonRías Baixas 2019, unha das citas dos #FestivaisRíasBaixas que promove a Deputación de Pontevedra e que se desenvolverá do 1 ao 3 de agosto en Bueu. O concello da comarca do Morrazo converterase así no ecuador do verán no Destino SonRías, unha cita festiva e de calidade desde a que dar renda solta á #FamedeExperiencias que ofrecen as Rías Baixas aos visitantes, como subliñou a deputada provincial de Turismo, Ana Laura Iglesias, que estivo na presentación do evento xunto ao deputado Santos Héctor Rodríguez. “Coa campaña #FamedeExperiencias poñemos en valor a excelencia da nosa gastronomía e a cadea de valor que compoñen as nosas despensas–apuntou Iglesias-. Queremos trasladar ao mundo que o destino Rías Baixas é unha fonte total de experiencias únicas e este festival é unha delas”.

Iglesias lembrou que o pasado ano 22.000 persoas pasaron por este evento, “e agardamos que este ano o éxito se repita”, e incidiu en que os Festivais Rías Baixas “son activos turísticos, cun forte impacto económico”. “Ademais –engadiu- cada un dos festivais atrae a públicos diferentes, o que nos permite unha gran variedade de visitantes. Queremos amosar o noso recoñecemento aos equipos que traballan todo o ano para que estes festivais sexan un exemplo de sustentabilidade e de calidade. Estades sendo un exemplo de innovación e talento”. Engadiu que “temos a corto prazo o reto do Xacobeo 2021, pero tamén debemos traballar a medio prazo, ser sostibles co medio e no tempo”.

Como no resto dos Festivais Rías Baixas, a Deputación volverá estar presente cun stand de información no que se desenvolverá a campaña de igualdade para previr agresións sexuais “Eu decido, ti respectas”. Cinco axentes entregarán os folletos desta iniciativa, dirixidos a mozas e a mozos con contidos diferenciados para mulleres e para homes e outros materiais promocionais que van complementar a campaña, como adhesivos, sombreiros, tarxetas e pulseiras. Amais, en sintonía coa axenda de sustentabilidade da institución provincial, tamén se instalará un stand informativo da campaña “Experiencias Sostibles”, que este ano está a concienciar na loita contra os plásticos e nos seus efectos no medio ambiente e na saúde das persoas e que sucede á desenvolvida o pasado ano, “Somos historias. Somos sostibles”.“O ano pasado pasaron polos puntos informativos no festival máis de 1.000 persoas –destacou Iglesias- e  estamos seguros de que este ano contaremos tamén cunha grande afluencia, porque a igualdade, o respecto e a defensa do medi0 mariño son retos globais que compartimos toda a sociedade”.

Pola súa banda, o codirector do festival, Jordi Lauren, destacou a importancia dos festivais  “como un tecido sectorial moi potente”. Subliñou que no caso do SonRías, toda a programación está moi conectada coa promoción do territorio e, neste senso, destacou que nesta décimo sétima edición, “poñemos en valor produtos excelentes da gastronomía local, como o polbo da ría e o tinta femia”. Deste xeito, o día 2, o Estaleiro da Banda do Río acollerá unha Cata de Viño Tinta Femia dirixida por Antonio Portela e o sábado 3 de agosto, a Casa SonRías abrirá as súas portas ao mediodía co polbo da ría como protagonista das propostas de cociñeiros da contorna, que ofrecerán este produto en diferentes pratos.

O alcalde de Bueu, Félix Juncal, destacou tamén a importancia que o festival ten para o concello “porque está conseguindo ter a súa propia historia, como marca, como festival, e, como unha forma de ver o mundo e de vivir”, e apuntou que “o seu impacto económico na vila e na veciñanza é moi importante”. A este respecto, os organizadores do festival cifraron en máis dun millón de euros o impacto directo do SonRías Baixas na contorna.

O SonRías Baixas aposta por unha programación que combina grupos xa consolidados con novas descubertas earrancará, como anunciou a codirectora do festival, Berta Domínguez, no recinto multiusos da Estacada o xoves, día 1, con Dubioza Kolektiv; Zoo; Periferia Norte e os galegos Nao. O venres, 2 de agosto, o cartel musical o conforman a orquestra La M.O.D.A.; o MC sevillano Toteking; Iseo&Dodosound with the Mousehunters; Muyayo Rif e Nius de Nit. Nesa mesma xornada e, como novidade, haberá un escenario na zona de acampada no que actuarán o grupo de hip-hop e reggae feminista Hakuna Tanaka; os galegos Som do Galpom e a banda indie Ambigüo.  Na última xornada, o 3 de agosto, soará a galega Sés. Xa pola noite, a festa continuará con La Pegatina, Segismundo Toxicómano, Boikot, Dakidarría,ZeaMays e Ninho de los recaos DJ.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad