Redacción 08/07/2019

Tras esta segunda proba en augas de Poio a clasificación xeral do Depo Desafío 2019 está liderada por Iria Campos e Alexandre Rodríguez, nas categorías feminina e masculina respectivamente

 

 

Cunha participación de máis de 200 deportistas, Combarro acolleu esta fin de semana a competición do “Depo Desafío 2019”, a travesía a nado de 1.500 metros que rematou con vitorias de Cristina García e Enrique Touza desta segunda proba da competición provincial tras a carreira ciclista BTT que percorreu As Neves o pasado 9 de xuño.

En categoría feminina Cristina García foi a vencedora con un tempo de 31 minutos e 19 segundos. A súa vitoria produciuse con rotundidade, pois a segunda clasificada, Anais Rivas, chegou a case dous minutos e Helena Conde, a preto de tres minutos e medio. De feito o tempo marcado por Cristina García foi o cuarto mellor na clasificación xeral da proba.

Pola súa banda, en categoría masculina, o triunfo, nun axustado final, foi para Enrique Touza, que cruzou a meta cun tempo de 30 minutos e 20 segundos, tan só 2 segundos por diante de Marcos González e con 4 de vantaxe sobre Pablo Pérez.

Tras esta proba, a clasificación xeral do Depo Desafío 2019está liderada por Iria Campos, en categoría feminina, e Alexandre Rodríguez, en masculina. A gañadora e o gañador final da clasificación do circuíto da institución provincial, para a que teñen que ter participado en 4 das 5 probas, recibirán como premio o dorsal para competir na Maratón de Berlín, con desprazamento e aloxamento incluídos.

A seguinte parada do “Depo Desafío 2019” será Vilagarcía de Arousa, con unha carreira a pé nocturna que terá lugar o 27 de xullo. Tanto para esta proba como para o trail de Cuntis (setembro) e o tríatlon de Vigo (outubro) as inscricións xa están abertas.

O “Depo Desafío”, que este ano chega a súa segunda edición, é unha das actividades postas en marcha pola institución provincial para popularizar este tipo de probas deportivas á vez que se promove o destino turístico -razón pola que as probas se distribúan ao longo do territorio pontevedrés- e, do mesmo xeito, concienciar á poboación da urxencia de practicar deporte no medio natural dun xeito respectuoso, sustentable e responsable.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad