O gaiteiro tomiñés Manuel Fernández Fernández será o homenaxeado este ano
A cultura tradicional representada no noso folclore será a protagonista esta fin de semana en Tui coa celebración do V Concurso de Gaita e Tamboril e do VI Día da Muiñeira organizados pola Asociación Cultural San Telmo coa colaboración do Concello de Tui.
Estes eventos foron presentados esta mañá na casa do concello por Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, Sonsoles Vicente, concelleira de Ensino e Cultura, Conchi Sales e Verónica Morais, presidenta e vogal da Asociación San Telmo.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, felicitou á asociación San Telmo por organizar este concurso, xa consolidado no panorama festivo e cultural, destacando a súa singulariedade. Afirmou que “Tui convértese esta fin de semana na capital de Galicia do patrimonio inmaterial”. Tanto este certame coma o Día da Muiñeira, dicía Enrique Cabaleiro, amosan o “compromiso da sociedade tudense e do movemento asociativo coa cultura”.
Sonsoles Vicente, concelleira de Ensino e Cultura, manifestou estar orgullosa de presentar estes eventos que poñen o enfoque na nosa música tradicional coa gaita, o tamboril e a muiñeira.
Pola súa parte Conchi Sales explicou que dende a súa creación ano 2013 a Asociación San Telmo fixou coma obxectivos potenciar e transmitir os costumes tradicionais da cidade. Nesa liña recuperaron o Concurso de Gaita e Tamboril do que hai constancia da súa celebración en Tui xa no ano 1890 até os anos 40. A súa quinta edición celebrarase o sábado, 6 de xullo, ás 20.30 h na Praza de San Fernando. Participarán seis parellas de gaita e tamboril que interpretarán dúas pezas tradicionais da súa elección cun tempo de execución que oscilará entre os 6 e os 8 minutos. O xurado estará composto polo mestre-artesán Antón Corral, o mestre de gaita e gaiteiro Anxo Lorenzo, a mestra e percursionista Lola Fernández, o mestre percusionista Roi Alexandre Adrio, e o mestre de gaita e gaiteiro, Pedro Fariñas. Establécense tres premios, o primeiro dotado con 400€ e punteiro pao violeta especial en D-N con boquilla e funda; o segundo con 300€ e farrapo para ronco de gaita, e o terceiro de 200€ e pandeireta de cantareira.
Os participantes no concurso serán:
- “Xarxa” formado por Marina Fernández e Marilú Campos de Vigo que interpretarán “Toque de Chifro” e “Xota Sonámbula”.
- “Meigas Fritas” formado por Manuel Román Seoane e Miguel Pardo de Castro de Sobrado dos Monxes que interpretarán “Urbión” e “Caribeña”.
- “Os Feiticeiros” de María López do Ferrol e Rubén Martínez de Tui que interpretarán “De volta e media” e “Muiñeira para Devigo”.
- “Os Millarancos” de Nadia Vázquez e Fernando Estévez da Guarda que interpretarán “Ironía é a miña burriña” e “Muiñeira das Fiadas”
- “Polilleiros” de Xesús Rodríguez e Santiago José López de Teo que interpretarán “Fonte Dourada” e “Azul ou gris”
- “Os Coirachos da gaita” de Diego Prieto e Diego Pazo de Castro Caldelas que interpretarán “Novo milenio” e “Muiñeira para Devigo”.
No transcurso do V Concurso de Gaita e Tamboril renderase homenaxe ao gaiteiro de Cristelos, Tomiño, Manuel Fernández Fernández. A Asociación San Telmo ten apostado por render cada ano unha homenaxe aos músicos e persoeiros relacionados co mundo da música tradicional na comarca do Baixo Miño, recoñecendo así a súa contribución á conservación e divulgación da nosa música tradicional.
Manuel Fernández Fernández, nado en 1938 en Cristelos, Tomiño, sentiu dende neno paixón pola música tradicional, que herdou do seu avó Xosé Fernández “O Maluco” fundador da Treboada do Maluco, considerado o mellor gaiteiro de barquín da contorna, e do seu pai Manuel Fernández González, que tocaba o requinto.
Manuel Fernández comezou con nove anos a tocar o requinto con Enrique Patoa, e continuo logo nos Beiramiño de Tomiño. Formou parte do grupo Brisas de Goián, onde tocaba a gaita. Estivo en activo até hai tres anos tocando en romarías, festas, …
Xa o domingo, 7 de xullo, ás 20.30 h celebrase o Día da Muiñeira, recuperando por sexto ano consecutivo outro evento tradicional que se celebraba en Tui e que deixara de facerse nos últimos anos. As trece agrupacións participantes sairán ás 20.30 h en desfile dende a Área Panorámica até o Paseo da Corredoira onde todos xuntos bailarán “Xota de Tomada”, “A xeitosa”, “Muiñeira de Armenteira” e “Muiñeira de Molete” interpretada polo grupo de gaitas da asociación San Telmo. Estas pezas serán bailadas de forma conxunta polos máis de 200 integrantes dos grupos tudenses Inquedanzas de Pazos de Reis; Saragana da Asociación Cultural do Traxe de Tui; Santa Columba de Ribadelouro e Alfándega da Asociación Cultural San Telmo de Tui, xunto a Virxe do Alivio de Tomiño, Carballo de Cen Polas de Redondela; os gondomareños A Merced de Chaín; Ecos e Agarimos de Peitieiros, e os vigueses Ariños do Coto, Andarela, Semente da Arte Galega de Beade, AAVV O Carballo de Sárdoma e Os Ventos de Comesaña.
Intensa fin de semana en Tui
Tui prepárase para vivir unha intensa fin de semana de actividades na que amais do Concurso de Gaita e Tamboril e o Día da Muiñeira, o sábado ás 22.30 h actuará na rúa Compostela Susana Seivane, o domingo celébrase no Monte Aloia a Romaría das Angustias, e tanto sábado coma domingo os veciños das parroquias tudenses de Caldelas, Baldráns, Paramos e Guillarei e da valencianas de Friestras, Verdoejo e Ganfei se reúnen no VI Encontro Intercultural Luso Galaico dos pobos da raia do río Miño. Convidaba Enrique Cabaleiro a visitar Tui e disfrutar de todos estes eventos.