Redacción 02/07/2019

O listado das mesmas estará exposto durante 20 días dende a publicación no BOP, podendo ser consultado polos interesados a través da referencia catastral das parcelas

 

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Medio Ambiente, Leo Costas, informaron hoxe de que o Concello de Mos ven de aprobar un Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais tras terse adherido ao convenio coa Consellería do Medio Rural, Seaga e a Fegamp.

O Concello de Mos adheriuse a este Convenio que ten por obxecto instrumentar a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, Seaga, e a Fegamp, mediante o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nos montes ou terreos forestais incluídos nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa, remitindo a Xunta de Galicia o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais do Concello de Mos, para aprobación e exposición pública por parte do Concello.

O Plan Municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais é de elaboración, execución e actualización obrigatoria para os Concellos e se integrará dentro do PLADIGA (Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia) e dos Planes de Distrito; así como no Plan de Emerxencias Municipal, sendo redactado por un titulado universitario forestal.

Este Plan Municipal inclúe aproximadamente 15.000 fincas inventariadas cuxos propietarios deberán proceder á súa limpeza. Tanto o Plan como o listado de fincas nel incluído someteranse a información pública por prazo de 20 días mediante anuncio no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e na páxina web do Concello de Mos (https://www.mos.es/) para a presentación de reclamacións e suxerencias, podéndose consultar -a través da referencia catastral das parcelas- se están incluídas no Plan.

Deste xeito se deberá dar cumprimento por parte dos propietarios e propietarias de todos os predios, montes e soares incluídos no plan de prevención ás obrigas de prevención e defensa contra os incendios forestais, manténdose nas mellores condicións de funcionalidade, seguridade, salubridade e limpeza co fin de previr e evitar o risco de incendios, sendo as distancias de seguridade a respectar de 50 metros dende as edificacións libre de maleza e libre de pino, mimosa, eucalipto, fento, toxo, acacias e resto das especies que regula a normativa e requirindo en caso contrario por parte do Concello o seu cumprimento, podendo contratar no seu caso a xestión co SEAGA (Empresa Publica de Servizos Agrarios Galegos, S.A.) da Xunta de Galicia.En caso de incumprimento se executará de forma subsidiaria con repercusión dos costes ás persoas responsables e coa imposición das sancións correspondentes.

O contido do Plan inclúe a delimitación do ámbito territorial e caracterización do medio físico e biolóxico, descrición e análise dos montes e os paisaxes existentes neste territorio, os seus usos e aproveitamentos actuais, en particular os usos tradicionais, así como as figuras de protección existentes, incluíndo as vías pecuarias; ademais de aspectos xurídico-administrativos e características socioeconómicas. Tamén zonificación por usos e vocación do territorio, obxectivos, compatibilidades e prioridades; planificación das accións necesarias para o cumprimento dos obxectivos, incorporando as previsións de repoboación, restauración hidrolóxico-forestal, prevención e extinción de incendios, regulación de usos recreativos e ordenación de montes.Así como establecemento do marco no que se poderán subscribir acordos entre a Administración e os propietarios para a xestión dos montes e establecemento das directrices para a súa ordenación e aproveitamento garantindo que non se poña en perigo a persistencia dos ecosistemas e se manteña a capacidade produtiva.

Tal e como explicaron os representantes municipais, Arévalo e Costas, “os obxectivos do Plan Municipal de Prevención de Defensa contra os Incendios Forestais son a descrición da situación actual do Concello (análise de risco, zonas de actuación, prioridades), a catalogación dos medios e recursos de prevención e defensa contra os incendios forestais, o establecemento do procedemento a seguir en caso de emerxencia, a regulación dos usos e o aproveitamento do risco e a programación de traballos preventivos”.

En todo caso, será necesario informe preceptivo y vinculante da Dirección Xeral de Montes.Se remitirá á Dirección Xeral de Montes da Xunta de Galicia para informe unha vez rematado o período de exposición pública e posterior entrada en vigor.

Por último dende o Concello comunícase que persoal municipal acompañado de representantes de Seaga realizará reunións informativas a este respecto nas diferentes parroquias de Mos, comezando pola de Cela ao ser unha das que ten un maior número de parcelas incluídas no Plan.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad