Os investigados enfróntanse a un delito de falsedade en documento público e estafa
Ante as últimas informacións oficiais e os avances producidos na investigación sobre o caso do envío de recibos de auga falsos en Mos, convocouse aos medios de comunicación para aportar novos datosa este respecto durante unha rolda de prensa que se celebrou esta mañá no Salón de Sesións do Concello de Mos. Nela compareceron a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, o tenente alcalde, Camilo Augusto, e demais concelleir@s do equipo de goberno local.
Arévalo, apuntou que daba esta rolda de prensa para dar respostas aos habitantes de Mos e aos que no seu momento lle esixiron que dera explicacións insinuando que o caso se trataba dunha farsa e unha montaxe súa. “En primeiro lugar quero darlle respostas á veciñanza de Mos (veño avalada polos seus votos o pasado 26 de maio, que lle calaron a boca aos que falaban de montaxe). Estou obrigada a informar aos veciños de Mos, a darlles toda a información que se merecen, porque intentaron burlarse deles”, dixo. E insistiu en que “tamén quero responderlle aos que me pediron explicacións e me esixiron que ‘esclarecera canto antes este asunto’ do ‘suposto envío de facturas falsas’ que foron GañaMos e a Plataforma Auga e Vida que está formada por Traídas de Auguas e a Comunidade de Montes de Tameiga, e que ademais tivo o atrevemento de falar de ‘falsas acusacións e montaxe do Partido Popular’ e negou ‘rotundamente calquera vinculación’ ademais de esixirme que pedira desculpas públicamente cando isto de esclarecera”. “Pois ben, hoxe comparezo públicamente, non para pedir desculpas senón para dar resposta ao caso dos recibos da auga falsos, que se trata dunha trama política contra min, contra a alcaldesa de Mos, iniciada fai exactamente un ano”, sentenciou a alcaldesa.
Trama que incluíu a convocatoria de Asambleas na Comunidade de Montes de Tameiga e nas Comunidades de Augas, manifestacións, pancartas en vivendas (unha delas colocada nunha das casas das que partiron os recibos falsos), mentiras para xerar alarma social como que a auga de Pereiras estaba contaminada, e o colofón final previo ás eleccións: os recibos falsos.
Arévalo considera que “esta trama foi orquestada e organizada por GañaMos como brazo político da Comunidade de Montes de Tameiga e co beneplácito do PSOE e do BNG, que non se posicionaron en contra”.
En innumerables ocasións, GañaMos e a Plataforma Auga e Vida dixeron que o caso dos recibos falsos era unha montaxe e Román González, voceiro de GañaMos, no seu perfil persoal de Facebook escribiu literalmente que era unha “factura pantasma”, unha “montaxe” e pediu para este tema “máxima transparencia e que non quedara no baúl do esquecemento”.
“Afirmacións moi graves que terán consecuencias. Non me vou quedar de brazos cruzados e próximamente anunciarei medidas esixindo responsabilidades”, advertiu a rexedora local mosense.
“Nos atopamos ante un delito moi grave de falsedade en documento público e estafa”, lamenta Nidia Arévalo, quen aportou en rolda de prensa datos sobre os implicados investigados.
Carlos R., empregado da Comunidade de Montes de Tameiga levou as 4.000 cartas a Correos e declarou que quen lle mandou facelo foi Gonzalo P., coordinador da Comunidade de Montes de Tameiga e 8º na lista electoral de GañaMos; ademais de man dereita de Antonio C., presidente da Comunidade de Montes de Tameiga, de cuxas vivendas, casualmente, partiron os recibos falsos emitidos. Unha das vivendas está a nome de Emérita C., muller de Antonio C. A outra está a nome de Ramón G., falecido que lla deixou en herdanza ao primo político de Antonio C.
Ademais a alcaldesa avanzou que “haberá aínda máis nomes e apelidos e máis membros de GañaMos implicados” porque, pregúntase Arévalo “onde se confeccionaron e se imprimiron as cartas? quen as pagou? e estes son os que nos chaman caciques a nós?”.
Por último, pediulle ao resto dos partidos políticos da Corporación implicación neste asunto porque “ata o de agora ningún partido político da oposición condeou este delito nin se manifestou, seguen calados sen emitir sinal de apoio algún ao Concello e ao Goberno Local”. Esixe Nidia Arévalo a PSOE e BNG que “dean explicacións de porque os apoiaron e se puxeron detrás da súa pancarta nas manifestacións, por que prestaron a súa imaxe, medios e apoio á Comunidade de Montes de Tameiga e aos seus membros, amparándose na defensa do monte para atacarme”.
Concluíu a alcaldesa cunha reflexión: “agora gustaríame saber se condean estes feitos, se eran coñecedores dos mesmos… O único que sí teño totalmente claro é que todo isto utilizouse para intentar danar a miña imaxe e conseguir un rédito político que non era outro que a alcaldía de Mos”.