Redacción 19/06/2019

Este ano a Eurocidade terá dobre representación xa que tamén acudirá o Valenciano

 

 

O equipo alevín do Tyde F.C.  vai participar por sexto ano consecutivo no Torneo Internacional de Fútbol de Versmold, en Alemaña. A expedición tudense, formada por 53 persoas entre xogadores, directivos, adestradores e familiares, partirá mañá mércores ás 8 h dende a Estación de Autobuses de Tui.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, xunto ao concelleiro Rafael Estévez, recibiron o luns á tarde no salón de sesións da casa do concello ao equipo. Os xogadores nerviosos e ilusionados a parte iguais están expectantes ante esta viaxe e competición internacional.

Enrique Cabaleiro explicaba na recepción como a participación do Tyde neste torneo xurdiu tras o acordo de irmandade asinado en 2011 entre Versmold e Tui. Ao tempo aproveitou para destacar como as relacións entre os dous municipios están hoxendía moi consolidadas. Dirixíndose aos xogadores indicoulles que “máis aló dos resultados o importante é a experiencia que ides vivir”. Aproveitou tamén para felicitar ao Tyde FC polo ascenso do seu equipo senior á Primeira Rexional.

Elías Vieiro, o presidente do Tyde FC explicou que acoden coa mesma ilusión que hai seis anos, cando viaxaron por vez primeira a Alemaña. Destacou o excelente trato que reciben durante o torneo, e oportunidade que terán os xogadores de convivir con outros nenos da mesma idade doutros países nunha experiencia que afirmou “vai ser inesquecible”.

Este ano a Eurocidade estará dobremente representada xa que amais do Tyde FC tamén se desprazará até Versmold o Valenciano. Mediranse ante equipos de Serbia, Polonia, Eslovaquia, Eslovenia, ou Francia. O Tyde gañou o torneo en 2017 e o ano pasado foi o terceiro clasificado. Máis aló da competición serán catro días de convivencia de nenos da mesma idade pertencentes a distintos países.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad