Fan públicas as propostas de acordo de investidura
Ante a proposta de apoio á investidura á Alcaldía do Porriño que fai Eva García de la Torre ao noso grupo e o coñecemento de que se vai conformar un Goberno PSOE/BNG sen UDDL trasladamos á candidata a condición do cumprimento do seguinte acordo:
– Comisión seguimento acordo investidura cunha primeira convocatoria aos 100 días de mandato e acordo dunha segunda no prazo que se estableza e que non pode exceder aos seis meses posteriores á primeira.
– Compromiso da celebración regular dun pleno ordinario mensual. Notificarase a celebración das comisións previas coa máxima antelación posible, e sempre cun preaviso mínimo de setenta e dúas horas, agás que puntualmente concorran circunstancias excepcionais, e a posta a disposición de todos os expedientes con prazo suficiente para a súa consulta polos/as corporativos/as.
– Compromiso de orzamentos anuais, cun papel activo pola nosa parte, tanto no acceso á información como na achega de propostas.
– Compromiso sobre a elaboración e posta en marcha de mecanismos de cara a promover a participación cidadá en asuntos de interese xeral e nos que concorran circunstancias excepcionais.
– Compromiso de elaboración dun plan medioambiental integral no que participarán todos os grupos da Corporación Municipal, e aberto a todo o tecido asociativo e colectivos do Porriño.
– Acordo para levar a cabo un estudo a través de persoal cualificado tecnicamente, sobre a situación económica do Concello. As súas conclusións exporanse nunha comisión especifica.
– Compromiso de dar cumprimento ás mocións presentadas polo grupo municipal de EU SON do Porriño, e a probadas polo Pleno da Corporación, e do seu seguimento regular a aquelas que polas súas especiais características e/ou complexidade non se poidan aplicar a curto prazo.
– Compromiso dun papel activo do Concello na reivindicación do cumprimento por parte de calquera outra Administración das competencias que lle son propias. Especial esixencia na demanda de solución a problemas como: Paso a Nivel, lindano, Centro de Saúde.
– Cumprimento estrito da Lei de Memoria Histórica. Cumprimento do principio de laicismo do Estado e de todas as súas institucións, suprimindo a asistencia de representantes do Concello a actos ou manifestacións relixiosas.