Redacción 12/06/2019

A alpinista mosense integrante da expedición polar feminina ‘Compromiso por la tierra’ lerá o pregón este xoves, día 13 de xuño e festivo local, ás 12.00 h na Praza do Concello

 

 

Este xoves día 13 de xuño, celebrase o día grande da Rosa na Praza do Concello de Mos, coa exposición e apertura dos concursos de rosas e empanada de pan de millo a partir das 09.00 h e ata ás 11.00 h, momento no que dará comezo a Misa Solemne seguida, ás 12.00 h, do Pregón a cargo da alpinista mosense Verónica Romero.

Ás 12.30 h chegará o veredicto dos concurso de rosas e concurso de empanadas de pan de millo. Ás 13.00 h haberá unha actuación da Banda de Música Xuvenil de Torroso e o fin de festa, farase coa exaltación da empanada de pan millo a cargo da Asociación de Mulleres Rurais, Val da Louriña.

Sobre a programación das Festas da Rosa 2019 a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, declarou que “o mes máis fermoso e festivo na localidade mosense é o de xuño” e animou aos visitantes doutros municipios “a compartir connosco esta programación adaptada a todos os públicos e gustos”.

“A Festa da Rosa, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, ten este ano como pregoeira a unha deportista mosense que ademais sabe moito de rosas polo seu oficio de florista, Verónica Romero. Unha muller incansable, traballadora, nai, atleta e alpinista de renome, que está a despuntar como membro da expedición ‘Compromiso por la Tierra’ na que, tras medirse cos Lagos de Laponia e o Cap de Barnes, realizou este ano a última hazaña de percorrer 700 quilómetros polo Lago Baikal, facendo 25 quilómetros diarios durante 60 días; o que a convirte na pregoeira perfecta para a Rosa 2019”, explicou Arévalo, quen destacou tamén a importancia nestas festas do tecido asociativo do municipio “que traballa de xeito inmellorable a prol da cultura e a tradición, como a Asociación de Palilleir@as de Mos que organizan o Encontro de Palilleir@as da Festa da Rosa, ou a Asociación de Mulleres Rurais Val da Louriña, que se encargan o día 13 de xuño da Exaltación da Empanada de Pan de Millo”.

O programa de actos da Festa da Rosa 2019 comezou xa a pasada fin de semana. Concretamento o domingo 2 de xuño no auditorio do Centro Dotacional de Torroso tivo lugar o III Festival Abrente Folk cun homenaxeado de honra, o Mestre Gaiteiro Sr. Xosé Martínez.

O sábado 1 de xuño e o domingo 2 de xuño o Pavillón Óscar Pereiro acolleu ó IV Trofeo de Patinaxe Artística Rosaleira Vila de Mos.

O domingo, día 9 de xuño, houbo tarde de música no Centro Dotacional de Torroso -XXI Certame de Bandas de Música Concello de Mos- e no Pazo de Mos -Certame de Corais IX Memorial Constante Lago, organizado por ASOMAMOS..

O tradicional Encontro de Palilleir@s da Festa da Rosa, organizado pola Asociación de Palilleir@as de Mos e o Concello de Mos, -e que este ano chega á súa XII edición-, celebrarase o sábado 15 de xuño no habitual entorno de Costoias, Tameiga. O encontro comezará ás 11.00 h e prolongarase durante todo o día, contando nesta ocasión coa participación da Mostra de Encaixe de Camariñas.

As novidades deste ano na programación da Festa da Rosa son o I Festival Tradicional da Rosa e o I Festival Daquelas que Cantan.

O domingo 16 de xuño terá lugar o I Festival Tradicional da Rosa, a partires das 18.00 h da tarde no Multiusos das Pozas e coas actuacións do Grupo de Música e Baile Nosa Terra de Pereiras, o Grupo Cancionero de Cantanhede, Portugal; e o Grupo Folklórico Anaquiños de Chapela.

E por último, Malvela e Uxía Senlle poranlle o broche final ás Festas da Rosa 2019 co I Festival Daquelas que Cantan. A Voz das Mulleres no Camiño Portugués, que se celebrará o venres 21 de xuño e sábado 22 de xuño no Pazo de Mos con concertos de Malvela en homenaxe á Señora Carmen, Uxía, Celina da Piedade (Portugal), Kátya Teixeira (Brasil), Arume, Zaragateiras, Engutío… entre outros. O festival contará con obradoiros de cante tradicional, a colaboración de Tiago Pereira e Dorinda Castro, unha andaina de recollida de herbas de San Xoán, foliadas e moitas outras actividades.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad