Redacción 24/04/2019

O pasado 30 de marzo a ciclista mosense gañou o campionato nacional de Ultramaratón Élite disputado en Teruel,no que dominou dende o inicio

 

 

Onte celebrouse no Concello de Mos a recepción a Susana Alonso Carballo que, o pasado 30 de marzo, erixiuse de novo Campioa de España de Ultramaratón Élite, vestindo por primeira vez, o maillot da Selección de Galicia. A ciclista mosense estivo acompañada por a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Deportes, Baldomero Lorenzo; e demais membros da Corporación Municipal.

Alonso revalidou en Calamocha o seu título de Campioa de España de Ultramaratón Élite. A primeira etapa da Jamón Bike, serviu para disputar o Campionato de España de Ultra Maratón sobre un percorrido de 127 km.

A Jamón Bike de Calamocha citou á elite con motivo da oitava edición da proba que organiza o Club Ciclista Calamocha, que foi o evento elixido para repartir os títulos do Campionato de España de Ultramaratón BTT, ademais dos podios do Rexional.

Un total de 700 corredores encheron a capital da Comarca do Jiloca, nunha festa da BTT, na que se coroou Susana Alonso, que encadeou o seu segundo ouro consecutivo.

Os 127 km do percorrido contaron cun desnivel acumulado de 3.000 metros nos que Susana Alonso dominou de principio a fin proclamándose Campioa de España Ultramaratón 2019 BTT, dentro do VIII Jamón Bike disputado en Calamocha (Teruel).

Un percorrido -deseñado polo Club Ciclista Calamocha como organizador do evento- de gran esixencia que atraeu ata a localidade turolense a uns 700 corredores, segundo informou a Real Federación Española de Ciclismo (RFEC).

A ciclista mosense Susana Alonso exhibiu a súa superioridade dende o primeiro quilómetro ata o último deste Campionato de España de Ultramaratón. Marcou diferenzas dende o arranque da proba e tras atoparse coa compañía de Silvia Roura, aínda en categoría sub-23, marchouse en solitario aproveitando a subida a Fonfría.

Alonso mantivo a súa vantaxe e proclamouse en Calamocha Campioa de España con 4 minutos de vantaxe sobre Roura, que foi segunda en meta e mellor ciclista sub-23; a terceira praza absoluta ocupouna a Máster 40A María Teresa Barreira. O podio élite estivo integrado por María Desiree Castro, 5ª absoluta; e Marta Romeu, a 8ª ciclista en completar a proba.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad