Redacción 14/04/2019

Máis de 20 persoas participarán na acción formativa presencial no Centro Social A Devesa, que tamén ten unha parte online que se desenvolve ata setembro

O obxectivo é capacitar a persoas desempregadas para poñer en marcha explotacións apícolas modernas

 

 

A Deputación de Pontevedra desenvolve para a semana que vén en Salceda de Caselas a parte presencial do curso formativo  “A apicultura moderna e sostible”, enmarcado no proxecto DepoApicultura,  e que se desenvolve ata setembro. O vindeiro martes -16 de abril- e o mércores -17 de abril- vai ter lugar, no Centro Social A Devesa, a formación presencial desta iniciativa, en horario de 9 a 14 horas, e na que van participar máis de 20 persoas. Esta iniciativa tamén ten unha formación online, que se desenvolve ata o mes de setembro. En total, son 50 horas de formación, 40 a distancia e 10 presenciais. Trátase de actuacións totalmente gratuítas.

DepoApicultura é un proxecto cofinanciado polo Fondo Social Europeo, que se desenvolve en zonas rurais da Rede Natura das provincias de Pontevedra e de Zaragoza, cuxo obxectivo é o de mellorar a empregabilidade no sector apícola, sobre todo daquelas persoas con dificultades de acceso ao mercado laboral. Dentro destas accións formativas, as persoas participantes aprenderán conceptos e técnicas para levar adiante explotacións apícolas modernas. Entre outros contidos, poderán achegarse, por exemplo, ás técnicas para a extracción do mel, a elaboración de produtos derivados do mel, os métodos para a cría masiva de raíñas ou a situación e orientación das colmeas.

O proxecto DepoApicultura inclúe tanto accións formativas presenciais como mixtas. Só cursos presenciais teñen lugar no Rosal, en Vilaboa e en Barro, todos eles xa iniciados. Os cursos mixtos, coma este de Salceda de Caselas, teñen cabida tamén en Ponteareas e no Rosal.Tanto os cursos presenciais coma os mixtos contan con sesións teóricas e prácticas. En canto á teoría, a formación céntrase na apicultura moderna e na elaboración de plans empresariais, nas estratexias de busca de emprego e na preparación do CV. Pola súa banda, as sesións prácticas abordarán cuestións relativas ao estado das colmeas, á súa división, á preparación da colmea incubadora, á cría masiva de raíñas, á revisión e colocación de alzas, á extracción do mel, á profilaxe e tratamentos sanitarios e á elaboración de produtos derivados do mel.

O proxecto DepoApicultura, cun orzamento de máis de 100.000 euros, ten por obxectivo capacitar ás persoas para a posta en marcha e mantemento dunha explotación apícola moderna, informando sobre as posibles orientacións produtivas e fomentando novas vías de xestión e comercialización mediante o emprego de novas tecnoloxías.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad