Ámbolos circuitos transcorren polos concellos de O Porriño – Budiño, Atios e Cans – e Salceda – San Xurxo-
O vindeiro domingo 31 de marzo, a Asociación Deportiva A Forna de Budiño organiza, un ano máis, dous eventos deportivos de relevancia; a súa tradicional marcha cicloturista de montaña, que chega a súa decimoctava edición convirte nunha das máis antigas de Galicia; e a cuarta edición do Trail de montaña. Para a organización de ámbalas dúas probas, o Concello de O Porriño colabora dun xeito moi importante.
O recorrido da marcha BTT –que non é competitiva- terá 30 km cunha dificultade media-alta e 26 km de dificultade media. Discorrerá por camiños das parroquias porriñesas de Budiño e Atios, e tamén de S. Xurxo e Picoña, en Salceda de Caselas.
O Trail de montaña sí que é competitivo, establecéndose varias categorías femininas e masculinas. Consta de dúas distancias, 23 km e 13 km. Tamén percorrerá por camiños das parroquias porriñesas de Budiño, Atios e Cans; e S. Xurxo, de Salceda de Caselas.
Para a inscrición nos dous eventos, a Asociación Deportiva ten habilitado un espazo na web no que se pode atopar os planos e perfís dos recorridos e toda a información relativa ós dous eventos.
A organización agarda entre 400 e 500 participantes para os que vai dispor dun servizo de axuda ós ciclistas que incluirá ambulancia e avituallamento á metade das duas probas con subministro de líquidos e sólidos.
Ó final da marcha a organización dispón dun servizo de duchas para tódolos participantes, así como un servizo de lavado de bicicletas; así mesmo os participantes poderán degustar ao remate unha tapa de callos.
A Asociación Deportiva A Forna agradece a importante colaboración do Concello de O Porriño e as Comunidades de Montes, así como das empresas que aportan alimentos, bebidas e agasallos para os participantes.