Redacción 22/03/2019

Estará arroupado pola escritora Inma López Silva, o director xeral da Editorial Galaxia Francisco Castro e o pianista Alejo Amoedo

 

Hoxe venres, ás 20:30 h., o escritor porriñés Diego Giráldez presenta a súa novela “Hotel para coleccionistas discretos” no Círculo Recreativo Cultural do Porriño. No evento, aberto ao público, participarán xunto ao autor a presidenta do Círculo, María José Giráldez, a escritora Inma López Silva e o director xeral de Galaxia, Francisco Castro. Giráldez contará tamén coa participación do pianista Alejo Amoedo, que adaptou a piano para a ocasión un tema do músico arxentino Astor Piazzola, que aparece mencionado na novela.

Giráldez di que “presentar no Porriño e compartir o lanzamento do libro con xente á que aprezas dá unha sensación poderosa de satisfacción”. “Agardo atoparme hoxe con toda esa xente que sempre me demostrou respecto e agarimo. Presentar no Porriño trae sorte”, comenta.

“Hotel para coleccionistas discretos” é unha novela curta con múltiples lecturas e chea de personaxes na que, a través da vida da empresaria Amalia Valverde, se destripa, retorcendo a realidade, a forma de actuar dun grupo de poder bastante particular.

A novela xa se pode atopar tanto nas librerías do Porriño coma nas de toda Galicia.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad