
A presidenta da Deputación de Pontevedra recibiu hoxe á nova directora do cárcere pontevedrés, tras a súa toma de posesión o pasado mes de febreiro, convertíndose na primeira primeira muller en dirixir a prisión da Lama
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mantivo esta mañá un encontro coa nova directora da prisión da Lama, Teresa Delgado, quen tomou posesión do cargo a mediados do pasado mes de febreiro. Trátase da primeira muller en dirixir o centro penitenciario pontevedrés e a segunda muller en dirixir un cárcere en Galicia.
A presidenta provincial puxo en valor a súa designación. “Teresa é unha das cinco mulleres, das nove persoas nomeadas agora para a dirección de diferentes cárceres do Estado, unha aposta pola igualdade en todos os eidos que aplaudimos e valoramos”.
Carmela Silva, que entregou a Delgado un lote de libros para a biblioteca da prisión, valorou a colaboración que a Deputación de Pontevedra vén mantendo co centro penitenciario pontevedrés, “e que vai a seguir con novos programas nos próximos tempos”. Silva tamén subliñou o feito que do equipo directivo da Lama, conformado por sete persoas, cinco delas sexan mulleres. “É un dato moi destacable se temos en conta que só o 20% da dirección dos centros penitenciarios do Estado está en mans de mulleres”, dixo a presidenta.
Teresa Delgado xa formara parte, os últimos oito anos, do equipo directivo da prisión da Lama, sendo Subdirectora de Tratamentos -un espazo onde se desenrola o programa de drogodependencias-. Pertence ao corpo técnico da Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias, ocupando os seus primeiros postos de xurista en Ibiza e As Palmas.
Durante o seu mandato como Subdirectora de Tratamentos na Lama, púxose en marcha o primeiro módulo mixto na Lama, o primeiro de toda Galicia e un dos poucos que existen no Estado. Supuxo un logro moi importante que permitiu acabar coa situación de desigualdade pola que as mulleres non podían acceder tamén aos módulos de tratamento en condicións de igualdade. Na actualidade, entre un 6 e un 7% da poboación reclusa da Lama son mulleres.