Redacción 14/03/2019

A presidenta da Deputación participou no Porriño na estrea en Galicia do filme dentro do ciclo municipal “As Mulleres fan Porriño”

 

 

“Un filme que pon o foco na verdadeira situación da prostitución. Unha historia durísima pero real que demostra como detrás desta escravitude de moitas mulleres atópase o negocio do crime organizado”. Así definiu a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, “El Proxeneta”, o novo traballo da escritora e directora MabelLozano, que retrata a historia que hai detrás dos prostíbulos da man dun ex proxeneta que relata a evolución do negocio da prostitución en España. Por primeira vez en Galicia, a película proxectouse a pasada tarde no Porriño, dentro do ciclo organizado polo Concello “As Mulleres fan Porriño” no que, ao longo de toda a semana, se desenvolven actividades para pór en valor o papel das mulleres. Carmela Silva participou hoxe neste acto, xunto á propia directora MabelLozano e á alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre. Tras a proxección do filme, tivo lugar un coloquio no que se debateu sobre a situación das mulleres no cinema e no activismo, así como sobre a temática da prostitución.

A presidenta provincial salientou a importancia de emprender e apoiar proxectos como este documental de MabelLozano, que pon o foco nun asunto tan grave como é o da prostitución. Lembrou que hai ensaios recentesque reflicten “que a prostitución é unha forma máis de violencia de xénero. O que as mulleres prostituídas teñen que soportar equivale ao que noutros contextos corresponde á definición xa aceptada de acoso ou abuso sexual”. Carmela Silva manifestou que non cabe a legalización, “Son abolicionista. Só fai falta deterse a falar con mulleres prostituídas para saber que isto non é máis que un enorme negocio que perpetúa as violencias machistas, revestidas neste caso dunha suposta e falsa liberdade das vítimas. É unha gran falacia e non deixa de ser paragóxico que precisamente sexan os proxenetas os que máis piden unha regulación que legalice o seu negocio. Iso dino todo”, asegurou.

Carmela Silva lembrou “datos arrepiantes” como que, segundo a ONU, España é o primeiro país de Europa e o terceiro do mundo onde máis prostitución se consome. Estímase que en España hai entre 300.000 e 400.000 mulleres que se dedican á prostitución e calcúlase que hai uns 3 prostíbulos por cada hospital público. Os estudos máis recentes tamén constatancambios importantes e moi preocupantes no perfil do consumidor de prostitución, que ten virado agora cara homes máis novos, moitas veces con nivel alto de estudos, que ven a prostitución como unha forma máis de ocio. De feito, 2 de cada 3 homes que pagan en España por ter sexo cunha muller non consideran que a prostitución sexa unha forma de violencia.

Precisamente destas situacións e destes datos é do que se fala en “El Proxeneta”, onde MabelLozanodá voz a Miguel, alcumado “El Músico”, un ex proxenetaque vai relatando como evolucionou o negocio da prostitución en España dende finais dos anos 8o ata hoxe en día. O filme amosa todo un mundo, oculto á sociedade, de sexo, corrupción, asasinatos, trata de persoas, lavado de diñeiro, secuestros, violencia ou extorsións. É unha historia real de feitos probados, en sentenzas firmes, sobre os máis importantes proxenetas do noso país e sobre o crime organizado que move os fíos da prostitución.

A activista MabelLozano continúa así, con esta nova obra, a súa loita para denunciar as situacións de inxustiza que viven as mulleres, que abranguen distintos ámbitos pero que se ten centrado especialmente no tema da prostitución e da trata. Cómpre lembrar, por exemplo, en 2005 a súa primeira longametraxe documental “Voces contra la trata de mujeres”, en 2009 “La teoría del espiralismo”, en 2010 “Las Sabias de la Tribu”, en 2012 o documental “Madre” e en 2015 o documental “Chicas nuevas 24 horas” sobre o tráfico e a explotación sexual de mulleres.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad