Redacción 20/02/2019

O Entroido de Salceda de Caselas oferta un amplo programa que abrangue do 1 ata o 5 de marzo

 

 

A Casa da Cultura Castelao acolleu esta mañá a presentación da programación de Entroido, coa presenza de Tere Pérez e Marcos Besada por parte do Concello; acompañados de Lucía González e Sergio Rodríguez, polo barrio de Castro Barreiro e Martín Acuña e Abel Pérez, polo barrio da Feira.

A concelleira presentou a ampla programación prevista para estas festas, que se extenderá dende o 1 ata o 5 de marzo, e que contará con tres grandes desfiles polas rúas da vila: o desfile escolar con máis de 1.200 nen@s o venres 1, o XXI desfile de carrozas e comparsas coa participación de 13 agrupacións xa confirmada, e por último o desfile que enfrontará aos barrios de A Feira e Castro Barreiro o martes 5, e que forma o acto central do Entroido histórico de Salceda, con máis de 125 anos de enfrontamento documentado entre ámbolos dous barrios.

Como novidade presentouse este ano o “Baile anos 70” que terá lugar o domingo 3 de marzo ás 22:00 h na Praza do Concello e que contará coa “Orquestra Sur”, unha proposta da Escola de Música de Salceda, que recuperou a histórica formación existente en Salceda ata a década dos 70 e coa que bailaron moit@s salcedenses durante anos. A modo de homenaxe a aquela histórica agrupación preséntase esta proposta que de seguro conseguirá encher a Praza do Concello devolvéndonos á década dos 70, para o que se roga que as persoas asistentes acudan tamén con vestimentas acordes coa época.

Por segundo ano consecutivo mantense o entroido tradicional coa presentación do Rancho de Entroido e os cabaleiros do barrio da Feira na Praza do Concello o domingo na Praza do Concello e posteriormente no Parque Raíña Aragonta onde tamén se celebrará a II borrallada dos mamarrachos, na que se anima a participar tanto a salcedenses como a
visitantes.

Os representantes de Barreiro e Feira incidiron un ano máis no segredismo que acompaña o seu Entroido, do cal non se publica nin sequera o programa de festas ata a fin de semana de Entroido. Ambos coinciden en que o traballo forte se fai unha vez pasado o Nadal “tanto se o Entroido cae o 5 de febreiro como se cae o 5 de marzo”, aínda que durante todo o
ano se fan actividades diversas para conseguir financiación para as festas, sen esquecer que estamos a falar de dous barrios pertencentes á mesma parroquia, polo que falamos de barrios pequenos.

O alcalde de Salceda, Marcos Besada, falou dos “tres entroidos” de Salceda: o dos centros escolares, o institucional, e o entroido tradicional de A Feira e Castro Barreiro, destacando o valor da recuperación histórica feita polo barrio da Feira do Rancho de Entroido e os cabaleiros. “Estamos de noraboa. Temos un Entroido coñecido en todo o País que é sinal de identidade de Salceda e que seguimos a poñer en valor cada ano. Temos claro que na loita en Castro Barreiro e A Feira é fundamental a existencia de un para que teña sentido a existencia do outro, que conseguiron incluso superar as épocas de prohibición como a da dictadura franquista”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad