A cita co bádminton será no Polideportivo Álvaro Pino este sábado e domingo
Ponteareas acollerá esta fin de semana o Campionato Galego de Bádminton para as categorías Sub 11 e Sénior, converténdose xunto con Ourense, A Coruña e A Estrada nun dos concellos que albergarán nesta tempada un campionato galego.
Este campionato foi presentado na Casa Consistorial polo concelleiro de Deportes, Benito Márquez; o presidente do Club Bádminton de Ponteareas, Víctor Lemos; e o presidente do Club Escola Rosalía de Vigo, Jesús Gómez. Estas dúas entidades deportivas, en colaboración coa Concellería de Deportes, son as encargadas de levar a cabo a organización do evento.
O campionato desenvolverase no Polideportivo Álvaro Pino, que contará con 14 pistas repartidas nos dous pavillóns da instalación. Nesta cita participaran 131 xogadores, procedentes de toda a xeografía de Galicia que disputarán un total de 32 probas repartidas entre as modalidades de individual masculino, individual femenino, dobles masculino, dobres feminino e dobres mixto. A proba estará controlada polas Federacións Galega e Española de Bádminton, sendo o xuiz árbitro o catalán Francesc Pi, acompañado de dous árbitros nacionais.
A competición comezará arredor das 14:00 h do sábado 16 de febreiro coa disputa da fase de grupos e o cadro final, mentres que na xornada dominical terán lugar as semifinais e finais coa posterior entrega de premios ao seu remate.
Dentro dos xogadores participantes haberá moitos campións galegos e nacionais das distintas categorías en xogo que terán na localidade do Condado-Paradanta o reto de revalidar o seu título e de preparar os Campionatos de España de cada unha das categorías, que terán lugar en Pontevedra para os Sub 11, e Palma de Mallorca para os Senior.
O Club Bádminton Tui tamén estará presente neste campionato galego. Contará con catro dos seus deportistas, en SUB 11 con Lía Salvado, Guillermo Valdés e Roque Fernández; e na categoría Senior, con Marisa Giráldez.