Redacción 04/02/2019

Neste proxecto piloto participan 15 persoas, divididas en quendas de 5 persoas, que terán que convivir durante dous meses e medio nunha casa totalmente adaptada

 

Cinco das corenta e dúas persoas usuarias que ten o centro de recursos que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade ten en Mos (COGAMI) este luns acudiron ao centro coa maleta feita. Durante dous meses e medio van ser compañeiras de vivenda, porque serán elas as encargadas de estrear un novo proxecto piloto de vivenda tutelada e totalmente adaptada en Mos.

Na inauguración deste proxecto, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a conselleira de  Benestar, Sara Cebreiro, acompañaron ao presidente de COGAMI, Anxo Queiruga; ao director do centro de Mos, Celso Álvarez; ao director da oficina “La Caixa” de Mos, Ricardo Otero, entidade financeira que apoia este programa; e tamén a Alejandro Figueroa , membro das Xuventudes Socialistas, organismo que tamén apoiará este proxecto coa venda de entradas da organización do V Festival Solidario, que será o 9 de febreiro ás 17.00 h, no Multiusos As Pozas de Mos.

“Aquí o que se trata é de poñer en valor as capacidades das persoas, que os espazos que temos non sexan centros permanentes, que a xente faga cada día a súa vida nun espazo”, apuntaba Anxo Queiruga. Engadiu tamén que a través deste tipo de proxectos “se trata de demostrar que se as persoas teñen uns apoios necesarios e recursos, poden xestionar a súa vida, tomar as súas propias decisións”.

Baixo o nome de ‘Independízate’, COGAMI bota a andar un proxecto co que se pretende mellorar a calidade de vida, e sobre todo a autonomía, das persoas con discapacidade física. O obxectivo é adestrar a 15 persoas en habilidades para a vida autónoma, polo tanto, as persoas participantes terán a oportunidade de convivir nun espazo adaptado, tendo a disposición persoal de apoio que lles acompañará no seu proceso de aprendizaxe e adestramento. A posta en funcionamento deste servizo será un recurso de vivenda tutelada para persoas con algún grao de dependencia e que precisen nun futuro deste tipo de servizo.  

“É un proxecto bonito, de futuro e se debe coller de exemplo noutras comunidades e sentimos agradecemento e a seguir colaborando en calquera proxecto destes”, apuntaba o director da oficina “la Caixa” de Mos, Ricardo Otero.

Este proxecto vai dirixido tanto a persoas que contan con axuda dunha terceira persoa como tamén para as que non a teñen. Todas elas terán que realizar tarefas propias para desenvolverse de xeito o máis autónomo posible e traballar aspectos básicos da economía familiar, control de gastos, a xestión de compras, así como o aseo e coidado persoal, as tarefas de limpeza do fogar e o tempo de lecer ou esparexemento tanto dentro como fóra da vivenda.  A convivencia implica tamén acudir a citas médicas ou facer calquera outra xestión administrativa. O proxecto contempla un servizo de acompañamento e transporte que lles facilitará estas tarefas.

Para a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, este proxecto é “un exemplo de igualdade para que todas as persoas teñamos as mesmas oportunidades “. A alcaldesa dirixiuse a este proxecto como “é a leche”, onde felicitou tanto ao Presidente de COGAMI como ao Director do centro de Mos, por “ter unha vivenda onde as persoas usuarias se senten totalmente integradas, onde poden ter a súa independencia total”.

O equipo de profesionais que levará a cabo o proxecto está formado por 2 persoas coidadoras, unha traballadora social, unha terapeuta e unha pedagoga que terán como misión o acompañamento no desenvolvemento de obxectivos individuais que posibiliten a vida autónoma das persoas participantes, así como o acompañamento e apoio no desenvolvemento das actividades que se vaian organizando no proxecto.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad