Redacción 01/02/2019

Trataron a ampliación de superficies industriais para o espazo da gardería no Polígono de A Granxa e da radicación da Aula da UNED do Porriño no CIE, propiedade do Consorcio

 

 

Este mércores a alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, e o concelleiro de Urbanismo, Marcelino Coto, mantiveron unha xuntanza coa directora de Promoción Económica da Zona Franca de Vigo, Rosa Eguizábal, e técnicos do Concello e da propia Zona Franca, para analizar as posibilidades de ampliación de espazos industriais no Concello do Porriño, un proxecto no que o delegado do Consorcio, David Regades, amosou moito interese, tanto en visitas a O Porriño coma en xuntanzas coa alcaldesa e con representantes empresariais.

Ademais, nesta reunión, estudáronse, máis polo miúdo, en primeiro lugar, a localización da “tan agardada” gardería infantil, no Polígono de A Granxa, nun espazo que este mesmo xoves visitaron representantes do Concello e do Consorcio.

A gardería, lembra Eva García de la Torre, “é unha dotación longamente demandada por empresas e traballadores e podería radicarse nunha construción xa existente no propio polígono”, como considerarán os especialistas de as dúas administracións.

Así mesmo, subliña, a alcaldesa,“tamén tratamos da ubicación da Aula da Universidade de Educación a Distancia (UNED) do Porriño” no mesmo polígono, un proxecto, subliñou, que tanto o Concello coma Zona Franca “consideramos que é especialmente importante e beneficioso ”.

García de la Torre indicou que o Centro de Iniciativa Empresarial (CIE), “que tamén visitamos este xoves” -propiedade do Consorcio- “conta xa con espazos, dotacións, e infraestruturas” que poderían aloxar as “clases, biblioteca e salón de actos” da Aula da UNED, sen que supoña un desembolso inicial moi elevado para o Concello do Porriño.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad