Redacción 22/01/2019

O BNG presenta alegacións para que o Goberno revise e modifique a proposta feita pola empresa Laya Gestión y Servicios S.L. antes da súa aprobación definitiva xa que carece de rigor e non respecta a lingua galega

 

Logo de que na sesión plenaria do 12 de novembro de 2018 se aprobara o expediente de “Modificación e nova denominación do rueiro municipal”, que elaborado pola empresa Laya Gestión y Servicios S.L., sabemos agora das eivas desa proposta. Eivas que consideramos graves xa que, entre outras carencias, non fai unha proposta para as rúas e viais do polígono de Torneiros, nin as dos polígonos industriais da Granxa e das Gándaras; non ten en conta a rica toponimia do noso municipio, nin segue un criterio acorde coas demandas dos grupos políticos ou colectivos sociais do concello.

Xa no procedemento seguido para o inicio da nova denominación do rueiro e a contratación da empresa, o Goberno local desatendeu as peticións do noso grupo e mesmo desoíu mandatos plenarios. Tal é así que non respectou o acordado no pleno do 4 de outubro de 2017, sobre unha moción do BNG, na  que se pedía “a elaboración dun estudo previo para a denominación de rúas e prazas dos polígonos residenciais de Torneiros co obxecto de mellorar e facilitar o reparto de correspondencia”. Así pois, presentan unha proposta que non inclúe unha denominación para as rúas e prazas de Torneiros.

Non foi o goberno quen, nin sequera, de recoller os nomes das rúas que no seu día a “Entidade de conservación do polígono da Granxa” colocou, atendendo ao criterio de utilizar os nomes das illas galegas, provocando esta situación unha gran confusión nas persoas que acceden diariamente aos polígonos.

Se ben consideramos acertada a utilización da rica e variada toponimia para a asignación de nomes aos camiños e vieiros das parroquias, hai casos en que o criterio esváese de xeito incomprensible. Sirva como exemplo do despropósito o “camiño do Expo” en Pontellas. Pero o que é máis intolerable é que a empresa -e que o goberno o acepte-,  non someta a proposta de nomenclatura da toponimia a unha mínima revisión lingüística e ortográfica.

Nas alegacións que presentaremos  ao expediente no vindeiro pleno, o noso grupo, dende a importancia que conferimos aos nomes dos lugares onde vivimos, fai a seguinte suxestión:

É preciso, na elaboración dun expediente de modificación ou nova denominación, que se estruturen territorialmente as zonas, que poden atender aos seguintes criterios: Conservación e visualización da  rica e variada toponimia das parroquias. Nas zonas ou barrios que teñen distintas rúas, débese valorar se é acaído nomear as mesmas con nomes de persoas relevantes na sociedade, tanto porriñesa como galega, polo seu labor nos distintos eidos da vida: intelectual, profesional, cultural, social, deportivo etc., atendendo sempre a un criterio de vínculo, categoría e importancia da rúa co do nome proposto, na procura de uniformidade. Sumamos a estes criterios, que consideramos principais, a proposta de nomes dos concellos da contorna,  Estados, Nacións sen estado, illas galegas ou do mundo ou de datas conmemorativas locais, nacionais ou internacionais.

E, por último, pero non menos transcendente, o novo rueiro debe ser revisado por un departamento de normalización e corrección lingüística galega antes da aprobación definitiva. Un cometido moi acaído para o Servizo de Normalización Lingüística do Concello do Porriño, aprobado por maioría no pleno do 18 de marzo de 2018, pero nunca creado por este goberno.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad