Convocan protestas en Maderas Iglesias para rexeitar novo ERE
O comité de empresa de Maderas Iglesias, empresa do Porriño dedicada á fabricación de tarima flotante, vén de convocar mobilizacións para rexeitar o novo ERE suspensivo anunciado pola dirección. A primeira terá lugar este venres día 25, xornada na que se desenvolverá un paro de 13:00 a 15:00 h e unha concentración, diante das instalacións da compañía.
Dende a representación d@s traballadores rexeitan o novo ERE, comisión negociadora que se constituirá nos vindeiros días, e lembran que se trata do noveno que presenta a empresa, ao tempo que denuncian que o persoal segue sen cobrar o salario íntegro de decembro e paga completa dese mesmo mes. Con estes atrasos, o propietario de Maderas Iglesias está a incumprir os acordos pactados e que permitiron supender a folga convocada a finais do ano pasado.
“Non vemos unha saída á situación que estamos a padecer os 200 traballadores que quedamos, e a dirección segue sen aclarar cal vai ser o futuro da compañía”, denuncian. Queren deixar moi claro que o ERE non é a solución, e critican a actitude do empresario e a falta de implicación da Xunta.
“O Goberno galego comprometérase a buscar unha solución pero pasa o tempo e todo segue igual”, polo que aseguran sentirse abandoad@s. Neste senso, aseguran que “semella que os traballadores somos os únic@s que queremos que a empresa sexa viábel e siga a funcionar”.