Redacción 19/01/2019

Implica a ampliación de 500.000 € á partida do servizo de Axuda Domiciliaria que pasaría de 300.000 a 800.000 € en 2019

 

 

O Goberno local do Porriño levará ao Pleno da Corporación para a súa aprobación unha modificación orzamentaria cunha ampliación de 500.000 € no capítulo da Axuda Domiciliara Municipal que, coma salienta a alcaldesa, “pasaría de 300.000 a 800.000 € este ano 2019”.

Eva García de la Torre indica que este incremento estaría destinado a acabar coas listas de agarda, faría posible aumentar o número de horas de atención ás persoas que o precisan e afrontaría, tamén, a subida do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) a 900 €, aprobada polo Goberno de España.

García de la Torre lembra que o orzamento destinado aos Servizos Sociais do Concello máis que duplicouse durante o seu mandato e sinalou que nos orzamentos de 2018, os primeiros que se aprobaran pola Corporación dende 2012, houbo xa unha suba de 600.000€ en benestar e servizos sociais, “inédita na historia recente do Porriño”-ata chegar a 1.300.000 €-.

A alcaldesa subliña que estas cantidades haberá que engadir as aportacións que contempla para O Porriño o ‘Plan Concellos’ da Deputación de Pontevedra, que será maior que o ano pasado cando o Concello do Porriño recibiu preto de 100.000 € para cohesión social e outros case 160.000 € para fomento do emprego e igualdade.

Eva García de la Torre lamenta que, neste eido, non haxa achegas da Xunta de Galicia para O Porriño que nos seus orzamentos para 2019, “maila a que ten as competencias exclusivas en Benestar”, un “abandono” que se suma aos “cero euros para afrontar outros problemas e demandas das veciñas e veciños coma a contaminación por lindano ou unha nova gardería”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad