Serviran para que sete concellos -Cuntis, Moaña, O Porriño, Portas, Salvaterra de Miño, Vila de Cruces e Vilagarcía- sexan os primeiros beneficiarios destas partidas para contratar 169 traballador@s municipais
A Deputación de Pontevedra, en Xunta de Goberno, vén de darlle o visto bo á primeira concesión de subvencións do Plan Concellos 2019 correspondentes á Liña 3 de Emprego por valor de 1,3 millóns de €. Nesta primeira relación de concellos beneficiarios están os municipios de Cuntis, Moaña, O Porriño, Salvaterra de Miño, Vila de Cruces e Vilagarcía de Arousa, que, con estas partidas, poderán contratar a persoas para realizar traballos de conservación e funcionamento de bens e servizos municipais.
En concreto, trátase de subvencións por un total de 1.311.381,31 €, que permitirán a contratación dun total de 169 traballadoras e traballadores. Máis polo miúdo, Cuntis contratará a 25 traballadoras e traballadores, cun importe total concedido de 121.960,87 €. Moaña poderá contratar a 30 persoas e a súa achega é de 220.500,77 €. Un total de 40 traballadoras e traballadores traballarán nos servizos municipais do Porriño, para onde se aprobou unha partida de 245.155,51 €. En Portas van contratar 8 persoas, para o que a Deputación fai unha achega de 85.327,13 €. Un total de 20 persoas traballarán en Salvaterra de Miño, cun importe concedido de 165.341,84 €. Vila de Cruces vai contar con 10 novos traballadores e traballadoras municipais, cunha achega de 146.652,90 €. En Vilagarcía de Arousa contrataranse 36 persoas, cun importe total de 326.442,29 €.
A selección deste persoal farase entre persoas desempregadas a través do Servizo Público de Emprego e os contratos non se poderán estender máis alá do 31 de decembro de 2019. Entre o tipo de persoal que contratarán os municipios podemos destacar, entre outros, persoal para traballos en obras, para xardinaría e medio ambiente, conserxes, persoal de carpintaría e limpeza, socorristas, persoal para fontanaría e soldadura, condutor@s ou para información turística.
A través do Plan Concellos 2019, a Deputación pon a disposición dos 59 municipios da provincia de menos de 50.000 habitantes un total de case 43,5 millóns de euros, o que supón un 3,3% máis que en 2018. Para a Liña 1 -Investimentos- destínanse un total de 30 millóns de euros, para a liña 2 -amortización, pago de débedas e gastos correntes- van un total de 3,9 millóns de euros e para a liña 3 -Emprego- achéganse 9,5 millóns de euros.