
Recolleron o galardón a Señora Alicia, Alfonso Pato e Keka Losada, acompañados dun grupo de veciñ@s de Cans
Esta mañá unha representación de veciños e organizadores do Festival de Cans, recollían con orgullo Mosteiro de Montederramo -Ribeira Sacra- o Premio da Cultura Galega, otorgado pola Xunta de Galicia.
Con este galardón, recoñécese o intenso traballo do Festival de Cans nas últimas edicións, polo que, con motivo desta ocasión excepcional, cerca de medio cento de veciñ@s que colaboran habitualmente co Festival Cans desprazaranse convidados pola Consellería de Cultura da Xunta e polo propio Festival.
Moitos destes veciñ@s colaboran cedendo as súas casas, prestando os seus jalpóns e alpendres e poñendo os seus chimpíns a disposición das persoas que visitan este certame que traballa a prol da divulgación do traballo dos creadores e creadoras audiovisuais e que reune en cada edición arredor de 12.000 persoas.
O galardón foi recibido por Keka Losada -presidenta da Asociación Arela-, Alfonso Pato -director do festival- e a “Señora Alicia”, veciña que colabora activamente co festival e que aos seus 90 anos, é unha das grandes iconas da aldea de Cans.
Os motivos do xurado á hora de concedelo foron os seguintes:
“O galardón en Audiovisual é para o Festival de Cans, un encontro audiovisual de produción galega, onde outras manifestacións culturais tamén xogan un papel relevante. Organizado anualmente pola Asociación Cultural Arela, baixo a dirección de Alfonso Pato, na parroquia de Cans, coincidindo co festival de Cannes de Francia, en boa medida polo paralelismo entre os dous nomes. Cunha programación de curtas, estreas de filmes e documentais, coloquios con cineastas, rutas sonoras e diversas actividades que chegan actualmente a máis de 13.000 persoas, Cans convértese nun punto de encontro da creación galega emerxente e nunha gran plataforma de difusión dos novos creadores e creadoras.”
O Premio da Cultura Galega é o galardón máis relevante en materia cultural que otorga a Xunta de Galicia, sendo a primeira vez que se conceda a un festival de cinema. O Festival de Cans recibiu o galardón -unha estatuiña do escultor Acisclo Manzano- xunto a personalidades de gran traxectoria no eido da cultura galega, coma o historiador, Ramón Villares; o escritor, Xosé María Álvarez Cáccamo; o prestixioso filólogo e investigador, Antón Santamarina; ou a creadora Luz Darriba, entre outros.
Con este Premio da Cultura Galega o Festival de Cans convértese nun dos eventos culturais máis recoñecidos de Galicia, avalado por unha traxectoria de múltiples galardóns de prestixio. Entre estes recoñecementos está o Premio da Crítica de Galicia á mellor iniciativa cultural (concedido en 2009), o Premio Cultura da Deputación de Pontevedra ao mellor proxecto cultural innovador (no ano 2011), ou Premio Internacional Ateneo de Ourense ao fomento da cultura (recibido en 2013).
Outros galardóns recibidos foron o Premio Círculo á traxectoria cultural, recibido en 2010, ou Premio Ascaso, concedido polo singular Festival de Ascaso (Huesca) en 2015, pola divulgación do cine de autor no entorno rural.
O Festival de Cans, que celebrará entre os vindeiros 22 e 25 de maio a súa XVI edición, abriu esta mesma semana a convocatoria para a recepción de obras a concurso, que se prolongará ata o 3 de marzo.