Preséntase cun programa que volve poñer as persoas, a transparencia e a planificación eficiente no centro da acción política para devolver a dignidade e a eficacia ao goberno do Porriño
O Consello Nacional do Bloque Nacionalista Galego aprobou, na súa reunión do sábado en Santiago, a candidatura de Pedro Pereira á alcaldía do Porriño nas eleccións municipais do vindeiro 26 de maio. A decisión fora tomada na asemblea local, á proposta do consello local e ratificada posteriormente polo consello comarcal.
De ampla e contrastada experiencia na política municipal, Pedro Pereira é o actual voceiro do grupo nacionalista no concello do Porriño. Concelleiro dende o ano 1997, tivo distintas responsabilidades de goberno durante os mandatos 2003-2007, e 2007-2010, en que o BNG transformou por completo o xeito de facer política no Porriño. Pereira foi o artífice, entre outros logros, da peonalización do centro urbano e da extensión ás parroquias da rede de saneamento. Accións de goberno que melloraron de xeito notable a vida dos porriñeses.
Agora, despois de dúas lexislaturas (unha con maioría absoluta do PP e a actual cunha coalición de PSOE e UDDL) en que os episodios xudiciais e a clamorosa falla de xestión hipotecaron a acción de goberno, o BNG quere devolverlle a dignidade e a eficacia a unha institución vital para o benestar das porriñesas e dos porriñeses.
Pedro Pereira está a fronte dunha candidatura moi solvente, formada por mulleres e homes capaces e competentes nos distintos eidos en que se desenvolve a xestión pública. Con contrastada experiencia e que coñecen de primeira man as necesidades da nosa veciñanza.
As persoas, as súas necesidades básicas e as súas demandas de servizos públicos de calidade, centran o programa electoral do BNG. É máis que evidente que, á vista do acontecido nos últimos anos, o concello do Porriño precisa eficacia e transparencia na xestión; planificación real dos recursos económicos; organización eficiente na estrutura dos departamentos municipais, para dar resposta dun xeito acaído ás necesidades da veciñanza; e, sobre todo, un proxecto definido para o pobo.
Partindo desa realidade, a candidatura que lidera Pedro Pereira quere devolverlle a ilusión ao Porriño, cun programa que pivota sobre estes eixos principais:
- Participación real da cidadanía nas decisións fundamentais do que debe, e vai ser, un novo Porriño.
- Transparencia e igualdade no acceso ás axudas de emerxencia social, ben sexa enerxética, educativa, alimenticia ou de vivenda.
- Planificación eficiente dos investimentos públicos, con especial dedicación ás infraestruturas culturais. É absolutamente necesario a construción dun centro cultural que poida atender a demanda artística e cultural da veciñanza que na actualidade non se está a atender.
- Eficiencia enerxética. Promover as enerxías alternativas limpas tanto para o consumo das instalacións públicas municipais, como para o uso privado. Apoiar a instalación de plantas de enerxía solar e de biomasa, que contribúan a diminuír a emisión de gases contaminantes ao tempo que xera novos recursos económicos.
- Gañar máis espazo público para as persoas. O BNG demostrou no pasado que é posible reducir a presenza dos coches no centro urbano coa peonalización da praza Antonio Palacios e a rúa Manuel Rodríguez. Propoñemos avanzar nesa liña e seguir gañando espazo para as persoas con novas humanizacións e peonalizacións, para mellorar a mobilidade no centro urbano.
- Un novo Plan de Ordenación Municipal que vertebre de xeito sustentable o territorio, tanto no centro urbano como nas distintas parroquias. Mellorar a prestación de servizos públicos como o lixo e a auga.
O BNG presenta a súa candidatura para ofrecer unha alternativa real ás políticas realizadas tanto polo Partido Popular, como pola coalición PSOE-UDDL. Políticas que, tal e como se está a comprobar, son idénticas, dúas versións da dereita, que carecen dun proxecto para o Porriño. O BNG ten ese proxecto e quere materializalo, porque a nosa prioridade é construír un pobo para as persoas.