Redacción 17/12/2018

Na presentación da súa candidatura á alcaldía de Mos estivo arroupada polo secretario xeral provincial, David Regades, quen destacou que o Partido Socialista triunfará no partido xudicial de Vigo nas vindeiras autonómicas

 

 

O  Multiusos das Pozas encheuse o domingo para a presentación oficial da candidatura de Victoria Alonso para converterse “na alcaldesa que Mos se merece”, contribuíndo así á vitoria socialista no partido xudicial de Vigo e na provincia de Pontevedra, tal e como asegurou o secretario xeral provincial, David Regades, un dos dirixentes do partido que arroupou á candidata na súa presentación.

Xunto a Regades, Victoria Alonso estivo acompañada polo secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; e o exsecretario xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia, Aitor Bouza.

Victoria Alonso presentou o seu proxecto socialista para Mos baseado na igualdade e na empatía, traballando de verdade para a veciñanza. Un proxecto de feitos cumpridos, e non de promesas, que garanta o acceso aos servizos en igualdade para todos os veciños. “Acabouse o clientelismo e non ser atendido por ser doutra cor política. A partir de maio imos sacar ao Partido Popular de Mos”, asegurou. “Saimos a gañar e a devolver ao Concello a dignidade que lle foi arrebatada”, asegurou a candidata socialista, que destacou que o importante do seu proxecto é a veciñanza.

Neste sentido asegurou que traballaría para conseguir as infraestruturas que o concello precisa, devolvéndolle ás axudas ás ANPAS ou o acceso a axudas para todas as asociacións por igual, rematando coas políticas populares que deixaron as arcas municipais coa débeda actual. “Apostaremos pola defensa do monte e pola creación de postos de traballo de calidade”, asegurou.

O secretario xeral provincial, David Regades, pola súa parte, amosouse convencido da vitoria vermella no partido xudicial de Vigo,  “onde imos conseguir novas alcaldías, sumando ás que xa temos, a de Baiona ou Redondela, converténdonos na forza máis votada na provincia”. “Mos non pode estar permanentemente enfrontada a Vigo, hai que facer unha aposta por un urbanismo para as persoas e neste sentido contarás co apoio da Zona Franca, para darlle un pulo ao tecido industrial no Concello”, asegurou Regades, que destacou que con Victoria Alonso poderase establecer políticas de cooperación co resto das administracións públicas.

Tanto Regades como a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacaron que Nidia Arévalo non é a alcaldesa que Mos precisa, porque non ten un proxecto para este concello. “Só a vexo falar de negocios a costa de Mos, non traballar para os veciños de Mos”, asegurou Carmela Silva, quen afeou a Arévalo que non dixera nada sobre a situación da sanidade no concello e na provincia. “O silencio de Nidia Arévalo sobre a sanidade pública faina cómplice desta situación crítica”, afirmou Silva, quen destacou o esforzo de investimento realizado en Mos por parte da Deputación de Pontevedra. “Co PP damos pasos atrás en sanidade, en investimentos, na dependencia, na política industrial… e non podemos soportar nin un minutos máis o Goberno do señor Feijóo”, concluíu Carmela Silva, antes de darlle paso ao secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero.

Caballero, pola súa banda, afirmou que as políticas socialistas son sinónimo das mellores políticas municipais e destacou na súa intervención a necesidade de darlle un cambio a Mos, onde o Partido Popular é igual a políticas antigas e fracasadas, demostrando a súa incapacidade na xestión municipal en situacións tan graves como a da sanidade pública.

“Necesitamos unha nova política sanitaria e esiximos a Feijóo que cese aos responsables desta situación que demostraron que non son capaces de darlle unha solución”. Caballero pediulle a Feijóo que no tempo que lle quede ao fronte deste proxecto esgotado, se dedique a enmendar os erros cometidos. “Precisamos un cambio na provincia de Pontevedra e ímolo ter cun respaldo maioritario, dándolle continuidade a ese cambio que se produciu no Goberno e na Deputación; comezamos un tempo positivo”.

Finalmente, Aitor Bouza tamén lle dou o seu respaldo á próxima alcaldesa de Mos, da que destacou o seu traballo e implicación, igual que fixo sobre a agrupación dasXuventudes Socialistas de Mos, dos que asegurou que sons “un exemplo a seguir, facédesme sentir orgulloso de pertencer a este partido”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad