Mercar no Porriño en Nadal terá premio xa que a asociación de comerciantes sorteará 70 cheques nos que se reparten 4.200 €
A Asociación de Comerciantes do Porriño e o Centro Comercial Aberto (CCA Morea), informaron hoxe do lanzamento da súa campaña de nadal, no que animan aos consumidores do Porriño e da área metropolitana a mercar no Porriño os seus agasallos de nadal, pois como todos os anos, ten premio.
A merca de produtos nos centros asociados do CCA Morea permitirá entrar nun sorteo de 70 cheques regalo de 60 euros que os gañadores poderán gastar nas tendas porriñesas, unha iniciativa que pretende potenciar o consumo local.
Dende ACIPOR queren destacar que esta medida pretende promover as compras navideñas no propio concello, pois o comercio local é un comercio de calidade e ademáis é unha actividade sustentable. O comercio do Porriño, afirman dende ACIPOR, dispón dunha ampla oferta de produtos e servizos que permite ao consumidor atopar todo o que poida precisar para estas datas, e facelo ademáis a bó prezo e atención personalizada. “Mercando no teu concello, fas un Porriño mellor, evitas desprazamentos e contribúes con elo a sustentabilidade da economía local”, afirman dende ACIPOR.