
Isto é o que se preguntan os pais e nais dos alumnos da Unitaria de San Mateo de Oliveira que expresan o seguinte
“Temos ante nós unha ocasión tan boa para dar resposta que favoreza a tódalas partes que non entendemos que se poida estragar por calquera motivo.
Ate agora a única reacción que atopamos é a teima da administración de evitar manifestar publicamente a súa postura respecto a nosa aula, tras dous meses dende o inicio do curso. Dous meses nos que mantivemos, e mantemos, a nosa vontade de levar cada mañá aos nosos fillos á devandita aula e así será mentres non teñamos resposta oficial.
A nosa aula de San Mateo de Oliveira, integrada no CRA A Picaraña en Ponteareas, é un minúsculo problema dentro do revolto panorama educativo galego a día de hoxe. É, ademais, un problema moi sinxelo de solucionar xa que non supón gasto a maiores do que supuña o curso pasado.
É, polo tanto, máis fácil para a administración aproveitalo para dar solución a un caso que tivo, e ten, bastante repercusión na comarca. Arranxalo supón ademais un punto favorable cara o propio centro, pois nos anos anteriores xa tiña perdido aulas e isto reforza os ánimos e o interese das familias polas escolas rurais.
A maiores supón para a parroquia non perder un dos poucos servizos públicos dos que dispón e poder asegurar a súa continuidade durante tempo abondo (o relevo está asegurado). E por último pero mais importante, para os nenos que son os verdadeiros protagonistas de todo isto, supón non expolos a cambios forzados que inda non lle correspondían. Eles queren estar ‘no seu cole’ e que non peche pero se lles quere obrigar antes de tempo a abandonar a súa contorna entre outros beneficios deste tipo de escolas.
Os pais que en todo isto xogamos un papel de meros valedores dos dereitos dos nenos, e sempre tratando de buscar a mellor opción para os nosos fillos, temos moi claro que este tipo de escolas son o inicio ideal no ámbito escolar por razóns diversas. Por iso loitamos canto puidemos para cumprir a nosa parte para manter aberta a escola: acadar 6 nenos. Co incansable traballo feito, tamén nos vemos unha oportunidade magnifica para aproveitar o traballo que fixemos de xeito construtivo para que sirva de exemplo de colaboración. Traballo que de ser valorado e premiado co cumprimento da palabra dada pode ser garantía de non ser un feito illado e de ter continuidade no tempo para evitar situación similar no futuro.
Nos comprendemos a necesidade de ter un numero de nenos sempre por riba do mínimo esixido para cumprir uns ratios marcados para facer xustificable un gasto (inda que en temas coma educación creemos que se ten que ver coma unha inversión mais que coma un gasto) e poremos da nosa parte o necesario para que así sexa.
Sentemos as bases dun modelo colaborativo que sexa exportable a outras escolas e a outros ámbitos onde tódalas partes salgan beneficiadas. Sería unha mágoa estragar a oportunidade”.