Preto de 500 rapaces abarrotaron onte o auditorio do Multiusos das Pozas
O centrocampista do Celta e xogador da Selección Española Absoluta de Fútbol recibirá o galardón municipal ao Mérito Deportivo durante a Festa da Rosa 2019
450 mozos e mozas de ESO e Bacharelato do IES de Mos arrouparon onte a Brais Méndez, no acto sorpresa que o alumnado do Instituto xunto co Concello lle ofreceron ao futbolista mosense xogador do RC Celta.
No evento fíxose pública a mención honorífica municipal coa que a administración local condecorará ao seu veciño, primeiro mosense da historia convocado para a Selección Española Absoluta de Fútbol. Dita condecoración será a Medalla ao Mérito Deportivo do Concello de Mos 2019, da que se lle fará entrega durante a vindeira Festa da Rosa, en xuño do ano que ven. Por outra banda, o Pleno da Corporación Municipal mosense, levará a aprobación o próximo luns, día 26 de novembro, a concesión da devandita Medalla a Méndez.
Durante o acto celebrado esta mañá no Multiusos das Pozas os estudantes do IES entregáronlle un agasallo moi especial a Brais, e puideron formularlle preguntas ao futbolista nun acto didático e educativo, no que se pretendía inculcarlle á mocidade mosense os valores de traballo duro, esforzo, superación e actitude para a consecución de metas e obxectivos vitais. A figura de Brais Méndez é moi valorada e admirada polos xoves mosenses e o exemplo perfecto para motivalos nunha etapa de gran trascendencia e crucial para encauzar o seu futuro como adultos.
Ademais de Brais Méndez e o alumnado do IES estiveron tamén presentes os pais de Brais; a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; o vicepresidente do Celta, Pedro Posada; Vlado Gudelj; o concelleiro de Educación, Camilo Augusto; a concelleira de Participación Cidadá, Julia Loureiro; a concelleira de Cultura e Política Social, Sara Cebreiro; o concelleiro de Deportes, Baldomero Lorenzo; o gaiteiro Xulio Lorenzo (autor do Himno de Mos e veciño de Brais, da parroquia de Louredo); e demais membros da Corporación Municipal.
O homenaxeado, que foi pregoeiro das Festas da Rosa deste ano, o pasado 13 de xuño, manifestou a súa profunda satisfacción polo recoñenemento e entregoulle aos representantes municipais, como agasallo para o Concello,a camiseta coa que debutou con La Roja e coa que ademais marcou un gol, dedicada e asinada.
Pola súa banda Arévalo, rexedora local mosense, manifestou o “profundo orgullo de ter un veciño, o primeiro da historia en xogar coa Absoluta, tan humilde, traballador e colaborador co seu pobo” e animou aos centros de rapaces asistentes no público a “tomalo como exemplo e mirarse no seu espello para comprobar que con esforzo non hai soños nin metas inalcanzables”.
Con tan só 21 anos Brais Méndez, natural de San Antoíño, parroquia de Louredo, realizou unha espectacular tempada pasada e está a deslumbrar na actual. Méndez únese ao porteiro de Guizán, Rubén Blanco, que foi pregoeiro da Rosa en 2016, e convírtese na segunda figura futbolística celeste a destacar do Concello de Mos.