
A concellería de Deportes do concello de Ponteareas incrementa nun 25% esta partida
A concellería de Deportes que dirixe Benito Márquez informa de que xa está aberto o prazo para tramitar a subvención para agrupacións e clubs deportivos sen ánimo de lucro. Os clubs interesados terán dez días naturais a partir de hoxe luns día 19 de novembro para tramitar a axuda tal e como o recolle o Boletín Oficial da Provincia (BOPPO).
Entre as novidades desta nova convocatoria de subvencións de deportes do concello de Ponteareas está o incremento do 25% respecto ao ano anterior no que se contaba con 40.000€ fronte aos 50.000€ da convocatoria publicada hoxe. O saneamento da economía de Ponteareas permite ofrecer agora un aumento nas axudas e servizos á veciñanza.
Outras das novidades que incorpora Benito Márquez ás bases é a cláusula social para as entidades deportivas que teñan categorías base. Os clubs beneficiarios da axuda do concello deberán reservar un 20% das prazas por clase para menores de 16 aos que se atopen nunha situación desfavorable e así o acrediten os informes dos servizos sociais de Ponteareas.
“Somos conscientes de que os clus e asociacións deportivas xa están sendo sensibles coas situacións máis desfavorecidas pero dende a miña concellería queremos dar un paso máis e regulalo para que a inclusión social sexa ao 100% e para marcar da man dos clubs a aportación de cada parte”, explica Márquez.
Nos vindeiros días o concelleiro de Deportes reunirase individualmente con cada club para elaborar o protocolo a seguir nesta cláusula social xa que cada modalidade deportiva ten unhas circunstancias específicas e diferentes.