
A concellería de Participación Cidadá promove esta iniciativa organizada pola Xunta na que a mocidade e as súas inquedanzas son as protagonistas
O IES de Mos recibiu onte a visita dun dinamizador da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado que impartiu unha charla ao alumnado de Bacharelato ede 4º cursoda ESO do Instituto mosense. Así o informaron dende o departamento municipal promotor desta actividade, a concellería de Participación Cidadá, que dirixe a edil Julia Loureiro.
A actividade, na que participaron un total de 290 estudantes, versou sobre a Incubadora de Proxectos: programación que aXunta de Galicia (dende a Rede galega de dinamización xuvenil) ten en marcha dirixida á mocidade e entre a que destacan iniciativas como Iniciativa Xove, Voluntariado Xuvenil, Galeuropa, Deseñando o teu Futuro, Xuventude Crea, Parlamento Xove, Correspondentes Xuvenís 3.0,… etc.
A Rede galega de dinamización xuvenil(RGDX) é un programa da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado que busca salvar a distancia existente entre a Administración e os mozos, creando un servizo de asesoramento e unha canle de difusión adecuados para todos os recursos que dende a Xunta de Galicia se poñen á disposición da poboación máis nova.
A RGDX está composta por un equipo de dinamizadores, que presta servizo aos actores clave no traballo cos mozos en todo o territorio autonómico: concellos, universidades, centros de ensino secundario, asociacións, etc. Así como a todos aqueles mozos que dunha forma independente soliciten información ou asesoramento en materia de mocidade.
Os seus obxectivos son contribuír á dinamización da mocidade galega a partir da difusión da información do seu interese e da posta en marcha de actividades que respondan ás súas inquedanzas, incrementar a participación dos mozos e mozas creando espazos para o debate e a participación, contribuír a canalizar o protagonismo e capacidade de liderado dos mozos e mozas e a xerar unha visión positiva da mocidade no seu ámbito territorial, motivar á xuventude co obxecto de fomentar a súa participación na sociedade como cidadáns activos, posibilitar un proceso máis favorable á emancipación e autonomía dos mozos e mozas a partir da información, incidir na igualdade de oportunidades da xuventude a través do acceso á información e organizar actividades a partir dos intereses e necesidades da mocidade.
Encontros como o celebrado onte no Instituto de Mos con preto de 300 alumnos e alumnas pretenden visualizar a programación da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, programación baseada no impulso e posta en marcha de experiencias pioneiras a nivel de todo o Estado, que se sustentan na utilización da educación non formal como método de adquisición de novas habilidades e competencias.
O dinamizador que impartiu a charla destacou neste senso a “importancia que ten complementar o currículo académico dos mozos coas experiencias adquiridas mediante a participación en programas de educación non formal como os que se ofertan na Rede galega. Cando un mozo ouunha moza protagoniza un proxecto asociativo, unha iniciativa xuvenil ou un programa de voluntariado, está adquirindo unha serie de aptitudes inter persoais altamente valoradas no mercado laboral. A participación xuvenil en programas de educación non formal supón o desenvolvemento de valores todos eles moi positivos e apreciados, como aptitudes comunicativas, organizativas e de planificación; traballo en equipo e toma de decisións; sentido da iniciativa ou autoconfianza”.
As políticas máis modernas e innovadoras en materia de Xuventude en toda Europa teñen como nexo de unión a educación non formal como medio para mellorar as competencias curriculares dos mozos e mozas. Por iso, o obxectivo da Rede galega de dinamización xuvenil e da OMIX de Mos (Oficina Municipal de Información Xuvenil) é facilitarlles ós mozos e mozas mosenses o aproveitamento de todas as posibilidades que ofrecen os programas tanto autonómicos como locais.