
Con esta reivindicación esixen á Xunta a sinalización dunha isleta central -para poder xirar- e de pasos peonís -para poder cruzar- entre os p.k. 2.200 e 2.600
Este xoves, veciñ@s do barrio da Vaquería na parroquia porriñesa de Budiño, mantiveron unha xuntanza á que acudiu o tenente de alcalde, Manuel Carrera; e na que aprobaron solicitar permiso para realizar cortes de tráfico na estrada PO-510,todos os mércores, comezando polo vindeiro día 21 de novembro de 13.00 a 13.30 h.
A intención da veciñanza e denunciar novamente ao Goberno de Galicia, que o barrio está dividido por unha liña continua na estrada, que fai imposible aos coches xirar para chegar ás casas ou negocios; e cruzar aos peóns que, ante o perigo que supón, teñen que andar máis de 1 km. Por iso as súas reivindicacións teñen base nas pretensións de que se deseñe unha ‘isleta’ central e pasos peonís entre os quilómetros 2.200 e 2.600.
A alcaldesa, Eva García de la Torre, que non puido achegarse este xoves ata a Vaquería, reiterou todo o seu apoio a esta reivindicación e lembrou que “hai xa máis de 6 meses que os responsables da Xunta se comprometeron a estudar á proposta dos habitantes desta parte do Porriño para rematar con esta situación; e ata hoxe non deron sinais de vida”.
Os veciños amosaron o seu desexo de que na mobilización do vindeiro mércores haxa representantes de todos os grupos políticos do Concello “porque este é un tema que afecta a toda a veciñanza, que divide a familias e no que temos que estar todos esixindo unha solución que ten que tomarse xa”.