Este domingo celebrarase o roteiro “Entre Castelos” e poderase participar na eliminación de eucaliptos
A terceira Xornada de Irmandade entre Mos e Ponteareas percorrerá este ano o sur da Serra do Galleiro cun roteiro que, baixo o título “Entre Castelos”, este domingo 18, visitará diversos xacementos arqueolóxicos e lugares de interese etnográfico e paixasístico.
Mámoas, covas graníticas, xacementos do calcolítico, miradores e un foxo do lobo recentemente descuberto en Mos que están custodiados por dous castelos, o de Cillarga e o de Mos, situados nas dúas vertentes do monte Saramagoso.
Os puntos de partida da andaina serán o parque do Viveiro na parroquia de Ribadetea (Ponteareas) e o Parque da Penacova de Mos, onde se celebra a Festa da Prehistoria.
Os participantes, convocados ás 09:30 h, terán a oportunidade de participar na eliminación dos eucaliptos que retoñan na area de cautela do Castelo Grande, no que este verán se realizou por primeira vez unha investigación arqueolóxica promovida pola Asoc. Cultural ViaxaMos no Tempo.
Tres anos despois, os colectivos convocantes seguimos reclamando a protección da mámoa do Salgueirón, que se ve constantemente afectada polo paso de motos e outras actividades, sen que as administracións responsables de salvagardala fagan nada ao respecto.
Aínda que a situación deste túmulo serve de fito divisorio entre os dous concellos, tamén foi a causa do nacemento desta irmandade, que ten como obxectivo a protección dos valores patrimoniais e naturais de toda a Serra do Galleiro. ViaxaMos no Tempo, ADENCO, AVV de Ribadetea, Agrupación a Cividade son os colectivos que convocan este encontro.