A Policía Local do Porriño percorre sete centros da vila para ofrecer aos alumn@s de 6º de Primaria consellos de seguridade e prevención
Alumnas e alumnos de 6º de Primaria dos centros de ensino CEIP de Atios, Cruz Budiño, Santo Tomas , Xosé Fernández López, Antonio Palacios, CEIP da Ribeira e Hermanos Quiroga, recibiron estas semanas a parte teórica da ‘Campaña de Educación Vial’ que, como xa é tradicional, imparte a Policía Local de O Porriño todos os cursos.
Esta actividade divídese en dúas partes: dunha beira, os axentes realizan unha sesión teórica na que falan do seu traballo, das funcións da Policía Local, como contactar coa Policía en caso de necesidade, “salientando sempre a idea de que o policía é o amigo”, ademáis de reforzar o uso correcto do Servizo de Emerxencias 112, subliña o xefe da Policía do Porriño, Daniel Rodríguez.
Logo de resolver todas as dúbidas, as sesións céntranse na educación vial, expoñendo o uso axeitado das medidas de seguridade, a importancia de evitar as distraccións ao volante, o comportamento coma viaxeiros, o paso da bici de xoguete ao vehículo, as normas de circulación, o transporte de mascotas, a protección coma peóns ou as medidas especiais de seguridade cando se monta en moto.
Na parte práctica, os alumnos deberán circular por un circuíto aplicando o que aprenderon nas clases teóricas, “de feito hai un carné por puntos para cada un no que se reflicten as sancións se non respectan os sinais, as normas de tráfico ou as indicacións dos axentes”. Ademáis, as rapazas e rapaces asumirán, tamén, a función de policías e serán os responsábeis da seguridade vial e dos peóns.