A alcaldesa proporá á Corporación o recoñecemento para o mosense centrocampista do Celta que foi convocado para a Selección Española
A alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, en nome do Concello de Mos felicita ao seu veciño, Brais Méndez, xogador centrocampista do Real Club Celta, pola convocatoria para formar parte da Selección Española Absoluta de Fútbol.
A rexedora local destacou que “é a primeira vez na historia do noso municipio que un mosense xoga na Selección Española Absoluta, polo que é un verdadeiro orgullo para este Concello”. Ademais coincide que este mesmo ano, o 13 de xuño de 2018, Méndez foi pregoeiro da gran festividade mosense, A Festa da Rosa.
A Festa da Rosa, declarada Festa de Interese Turístico, tivo este ano como pregoeiro a este mosense que está a despuntar no fútbol, sendo titular no primeiro equipo do Real Club Celta e agora convocado para a Selección, Brais Méndez.
Brais Méndez é natural de San Antoíño, parroquia de Louredo, e tras realizar unha espectacular tempada pasada, tamén está a deslumbrar na actual. Méndez únese ao porteiro de Guizán, Rubén Blanco, que foi pregoeiro da Rosa en 2016, e convírtese na segunda figura futbolística celeste a destacar do Concello de Mos.
Ante a nova da convocatoria para a Selección Española Absoluta de Fútbol, Nidia Arévalo anunciou que o Concello convoca unha Xunta de Portavoces para condecorar ao futbolista, cunha mención honorífica municipal aínda por decidir, e que se definirá conxuntamente por toda a Corporación Municipal na devandita Xunta Local de Voceiros. A decisión tomada pola xunta farase pública próximamente.