A Rapsodia Húngara do coruñés Miguel Iglesias gaña na categoría de grao profesional e no grao elemental a pianista Carla Túñez cunha variación dun tema de Paganini de Isaac Berkowitsch
Madrid, Asturias e Galicia xa teñen algo máis en común, a Fundación Reveriano Soutullo entregou os premios do II Concurso Nacional de Piano Mestre Soutullo que este ano viaxarán a distintos puntos da xeografía peninsular. A Rapsodia Húngara nº8 de Franz Liszt e unha variación sobre un tema de Paganini de Isaac Berkowitsch fanse cos primeiros premios nos distintos graos profesional e elemental, respectivamente.
O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e a presidenta de honra da Fundación, María Victoria Gómez Soutullo, foron os encargados de entregar ao coruñés Miguel Iglesias Lista, o primeiro premio en grao profesional patrocinado polo Concello de Ponteareas e por valor de 1.000€. En segundo lugar quedou o madrileño David Fernández Leonyk, que recibíu da man da presidenta do tribunal, Josefa Estarque, e do vocal Enrique Goberna, o seu galardón. O terceiro premio do grao profesional foi para Alba Raña Barreiro, do conservatorio profesional de Vigo.
No grao elemental o primeiro posto foi para Carla Túñez Camiña do conservatorio profesional de Pontevedra que recibíu da man da Concelleira de Cultura, Hortensia Bautista e do compositor Ángel Viro o seu galardón. Este primeiro premio tamén foi aportado polo concello de Ponteareas cun valor de 600€ en metálico. O segundo premio de grao recaíu no asturiano Iván Patón, do conservatorio de música de Gijón; e o terceiro foi para Roberto Diz Parrondo, do conservatorio profesional Manuel Quiroga de Pontevedra.
En canto aos accésits, o de grao profesional foi para Alba Raña Barreiro, entregado pola Directora de Turismo, Nava Castro; e o de grao elemental para o pianista Iván Patón Álvarez. Na entrega de premios tamén estiveron outros concelleiros do goberno e da oposición.
O alcalde de Ponteareas e a concelleira de Cultura agradecen a todos os e as pianistas participantes o seu paso polo concurso e felicítanos polo nivel musical acadado agardando que a súa estancia en Ponteareas e a experiencia vivida no concurso resultasen satisfactorias.
Así mesmo, agradecen aos membros do xurado, Josefa Estarque, presidenta do tribunal, Alejo Amoedo e Enrique Goberna, o seu traballo e colaboración.