Redacción 03/11/2018

A maiores a Xunta de Galicia inviste na Axencia de Colocación mosense unha media anual de 1,5 millóns de € para financiar Obradoiros de Emprego, Plans Integrados de Emprego e Accións Formativas para Desempregados

 

A alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, informou o mércores que dende o Concello de Mos estase a traballar no orzamento municipal para o vindeiro ano 2019, documento que se atopa prácticamente rematado, sendo a previsión a de levalo a aprobación ao Pleno do vindeiro mes de novembro.

O orzamento do Concello de Mos para o ano que ven ascende a 9.613.139,27 € no estado de gastos, sendo a partida máis elevada a destinada a Benestar Social, que se dota dunha contía económica de1.017.246,80 €. Dentro da partida de Benestar Social destaca o gasto destinado ao Servizo de Axuda no Fogar que supón preto de 700.000 €.

Tamén destacan a área de gasto destinada á amortización de débeda pública, que ascende a 1.519.271,10 € e a área de gasto de Servizos Públicos Básicos que alcanza os 2,5 millóns de € e inclúe as partidas de Seguridade, Protección Civil, Urbanismo, Vivendas, Saneamento, Recollida de Lixo, Cemiterios, Alumeado, Medio Ambiente e Parques e Xardíns.

No apartado de obras de mantemento e conservación de estradas a partida alcanza os 976.221,89 €. Cantidade que dende o goberno consideran necesarias para manter en óptimas condicións as infraestruturas municipais. Esta partida dará así resposta ao plan anual de mantemento que cada ano pónse en marcha para dar resposta ás necesidades locais e demandas veciñais.

Outro dato a salientar é o gasto cero na partida de Sanidade, motivado pola boa nova da transmisión do Centro de Saúde á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, o que libera dunha importante carga económica ás arcas municipais.

O apoio ao Deporte e mantemento de instalacións deportivas lévase preto de 480.000 € como demostración, en palabras da rexedora local, “do compromiso de Mos cos seus deportistas”.

En materia de Fomento do Emprego o Concello de Mos investirá en 2019 180.000 €, máis a media anual de 1,5 millóns de € que a Xunta de Galicia soe destinar ao municipio mosense para a realización de Obradoiros de Emprego, Plans Integrados de Emprego e Accións Formativas para Desempregados (cursos AFD).

E xa no relativo ao estado de ingresos do orzamento municipal para 2019 a rexedora local anunciou que o vindeiro ano continuarase coa conxelación de impostos e taxas municipais que se ven mantendo dende os últimos 6 anos consecutivos, reducirase a taxa que vados –cunha modificación da ordenanza fiscal reguladora que foi aprobada por unanimidade no Pleno do pasado luns 29 de outubro- e boníficanselles ás empresas de nova impantación en Mos varios impostos e taxas municipais.

A conxelación dos impostos municipais produciuse no 2012 e ven sendo efectiva durante os pasados exercizos económicos do 2013, 2014, 2015, 2016, 2017 e o actual 2018. Ademais dende o ano 2014 o Concello de Mos incorporou reduccións nalgúns impostos e taxas municipais, así como bonificacións nos mesmos para certos colectivos.

Grazas á mencionada conxelación, os importes dos impostos e taxas municipais seguirán bloqueados durante o 2019 e non experimentarán subidas que graven ós contribuíntes mosenses.

A maiores producirase unha reducción do 75% na taxa de vados para a que se aprobará en Pleno unha modificación da ordenanza. O Concello de Mos levará a aprobación na sesión plenaria ordinaria do vindeiro luns, 29 de outubro, a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola entrada de vehículos a través das beirarrúas e por reserva da vía pública para aparcadoiro exclusivo, carga e descarga de mercadorías de calqueira clase, que implicará unha importante reducción nas tarifas da devandita taxa.

A base tributaria estará constituída, segundo ó feito impoñible: polo número, en metros, da lonxitude da entrada, polo número de prazas no caso de garaxes comunitarios e, no caso da placa de vado, a mesma non terá base impoñible e se aplicará unha tarifa fixa.

As tarifas coa nova ordenanza serán: para entrada de vehículos en vivendas unifamiliares, por metro lineal e ano, 15 €; para entrada de vehículos en garaxes comunitarios, por metro lineal e ano 20,00 €, -multiplicados por diferentes coeficientes en función de se son de 2 a 9 prazas, de 10 a 19 prazas, de 20 a 29 prazas, de 30 a 39 prazas ou de 40 a 49 prazas (cando o número de prazas exceda de 49 irase calculando a taxa por tramos de dez en dez e multiplicando polo coeficiente que corresponda)-; para a entrada de vehículos en garaxes ou locais para a garda de vehículos podendo realizar reparacións destes, prestación de servicios de engraxado, lavado, petroleado, etc., ou repostar carburantes, por metro lineal e ano 25 € -calculándose a taxa do mesmo xeito ca nos garaxes comunitarios-; para a  entrada de vehículos en almacéns ou similares, por metro lineal e ano 35 €; para a reserva de aparcadoiros para carga ou descarga de mercadorías, por metro lineal e día 25 € e para a reserva de espazos en vías públicas para carga ou descarga de materiais de construción, formigóns, mudanzas, etc., por día 40 €.

E por último, as bonificacións ás empresas de nova impantación en Mos aplícanse nos Impostos de Bens Inmobles, Imposto de actividades económicas, Imposto de instalacións, construcións e obras.

No Imposto sobre bens inmobles (IBI), no Imposto sobre actividades económicas (IAE) e no Imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO) as porcentaxes de bonificación son dun 95% pola creación de máis de 20 postos de traballo, dun 75% pola creación de entre 11 e 20 postos de traballo e dun 50% pola creación de ata 10 postos de traballo.

Todas as bonificacións manteranse durante tres exercizos orzamentarios, e concederanse a petición do interesado, unha vez que acredite que se cumpren as condicións requeridas para ser beneficiario de ditas bonificacións.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad