Nesta proposta de orzamentos non se recolle ningunha das demandas máis urxentes coma a des-contaminación do lindano, a ampliación do centro de saúde ou as demandas educativas
Dende o Concello do Porriño puntualizan “nin un só céntimo de de euro de investimento no Porriño“
A proposta de orzamentos do Goberno de Galicia para o ano 2019 non recolle “nin un so céntimo de euro de investimento no Porriño”, segundo pódese ver no borrador do mesmo que xa chegou ao Parlamento.
Un exercicio máis, o executivo do Partido Popular rexeita a mellora e ampliación do Centro de Saúde do Porriño, unha obra na que sería precisa unha dotación de 400.000 €, tal e como reiterou o Goberno local nos anos, 2016, 2017, 2018 e novamente, de cara ao 2019.
A alcaldesa, Eva García de la Torre, lembra que o proxecto do novo centro de saúde xa fora anunciado polo anterior alcalde, que tiña no seu goberno ao actual presidente do Partido Popular do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo. A alcaldesa sinala que “aquel alcalde do PP mesmo fíxose unha fotografía coa conselleira de Sanidade da Xunta, daquela tamén presidida por Núñez Feijóo, asegurando que as melloras do centro de saúde estaban xa en marcha”.
O resultado, catro anos máis tarde é que o Concello do Porriño está a pagar a limpeza dos terreos que o cedeu á Xunta e, o que é moito máis grave, que “as porriñesas e porriñeses seguen amoreándose nun centro de saúde totalmente desfasado, no que pasan calor no verán e frío no inverno e que non ten os servizos necesarios para atender as súas necesidades, tal e como denuncian, sistematicamente na rúa”.
A alcaldesa tamén denuncia o feito de que sendo O Porriño o concello que máis medra de Galicia, e logo de pedir reiteradamente a construción dunha nova gardería e novo colexio, á vista do estado do CEIP Fernández López, a Xunta gobernada polo Partido Popular destina ‘cero euros “a estas demandas e, aínda máis, tampouco contempla partida algunha dos 50.000€ demandados polo Goberno do Porriño para os comedores escolares“.
A situación é aínda máis “insultante para as porriñesas e porriñeses considerando que a Xunta sí abriu unha gardería en Mos, gobernada por unha alcaldesa do Partido Popular e que ten un 80% de cativas e cativos que van dende O Porriño porque aquí non temos prazas”.
Na mesma liña, o Goberno de Núñez Feijóo non contempla o investimento de un so céntimo para a des-contaminación das zonas do Porriño nas que se atoparon refugallos de lindano, “o cal, ademais de un abandono das súas obriga, dado que é competencia exclusiva do seu goberno, é un exercicio de desprezo pola saúde dos veciños considerando, en primeiro lugar que había un compromiso neste senso, anunciado pola Xunta e polo voceiro do PP no Concello do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo, que mesmo presumiu no Pleno de manter xuntanzas con responsábeis da Xunta, como publicaron os medios de comunicación, para axilizar esta promesa”.
O que se ve nestes orzamentos é que ao Partido Popular so lle interesan os cidadáns do Porriño para que lle dean o seu voto cada catro anos, pero que teñan unha asistencia médica digna, a educación e benestar das súas fillas e fillos e o coidado e protección da súa saúde ao Partido Popular tráenlle sen coidado.
A alcaldesa agarda que a estadía do presidente da Xunta e do Partido Popular de Galicia no Porriño estes días sirva, ademais de para defender os seus intereses e os do PP, para comprometerse a facer algo polas porriñesas e porriñeses, empezando por “pedirlles perdón pola marxinación e o esquecemento aos que os ten condenados nestes anos”.
Pola súa banda, Eva García de la Torre agarda que o presidente do PP do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo sexa quen de amosar a súa desconformidade co proceder da Xunta e demande, en persoa, ao seu presidente que cumpra coa súa obriga que é a de atender á sanidade, á educación e a saúde das veciñas e veciños do Porriño, que a súa vez son os seus.