A concellería de Cultura oferta un curso de teatro contemporáneo e poesía galega dende novembro a maio
A Concellería de Cultura e Lecer do Concello de Ponteareas, dirixida por Hortensia Bautista, organiza dende a biblioteca pública municipal dous obradoiros impartidos polo filólogo, actor e director de teatro Roi Vidal Ponte.
O obradoiro de teatro contemporáneo galego realizarase no salón multiusos do auditorio, os xoves de 17: 00 a 19:30 h, dende o mes de novembro ata maio. Este obradoiro de teatro comunitario contemporáneo está conectado co obradoiro de poesía e pretende achegar estratexias de creatividade actoral e escénica enfocadas á poética posdramática.
O obradoiro de poesía galega contemporánea desenvolverase na biblioteca municipal, os martes de 17:30 a 19:30 h, dende o mes de novembro ata maio. Neste obradoiro de creación poética combinarase a lectura de textos poéticos, un club de lecturas e creacións propias.
As prazas para estes cursos gratuítos son limitadas, polo que as persoas maiores de 13 anos interesadas en participar en calquera dos obradoiros, deben inscribirse antes do 31 de outubro na biblioteca municipal de Ponteareas -situada na rúa Perillana 11-, no enderezo electrónico bibliotecamuseo@ponteareas.es ou no teléfono 673794762.