Redacción 20/10/2018

O actual grupo gobernante -Movemento Salceda- fixo a súa reeleción confiando no actual rexidor dende que ocupase o cargo no 2007

 

 

O alcalde nacionalista de Salceda de Caselas, Marcos Besada, foi ratificado por unha ampla maioría na Asemblea de Movemento Salceda como candidato a liderar a lista que concurrirá ás próximas eleccións municipais do 26 de maio.

Marcos Besada, de 44 anos de idade, ostenta o cargo de rexedor do Concello de Salceda de Caselas dende que no ano 2007 desbancara ao Partido Popular tras 32 anos de goberno.

A Xunta Coordinadora de Movemento Salceda agradece ao Alcalde Marcos Besada e ao seu Equipo o seu traballo realizado por cumprir coa enorme responsabilidade de proxectar unha nova imaxe de Salceda: un Concello activo, dinámico, moderno e emprendedor; un Concello de xente nova que busca novos horizontes e calidade de vida.

No ano 2007 Salceda iniciou un proxecto de cambio e transformación liderado por un Alcalde, Marcos Besada, que xerou confianza nos veciños e veciñas e soubo darlle estabilidade, solidez e eficacia á acción do Goberno Municipal. Ninguén dubida do novo estilo de goberno, un goberno para todos e todas no que todo o mundo é tratado por igual independentemente das súas ideas.

Do proxecto de cambio e transformación de Salceda, dende Movemento Salceda valoramos o esforzo por crear novas infraestruturas e servizos que non existían no Concello. Nestes 12 anos acadamos varios soños co esforzo e o apoio dunha maioría social grazas a que apostamos polo diálogo permanente cos nosos veciños e veciñas. Púxose de manifesto un novo urbanismo pensado para as persoas: humanizamos o casco urbano de Salceda poñendo en valor os principais espazos públicos como a Praza do Concello, o Parque Raíña Aragonta ou o entorno da Praza de Abastos. A recuperación de edificios públicos para a creación de novos espazos como a Casa da Cultura ou a Casa da Música son un claro exemplo da aposta por políticas culturais e sociais innovadoras.

O Programa de Alimentos, o Roupeiro Municipal, os Programas de Emerxencia Social, de Apoio á Infancia…están a paliar e a axudar a aquelas familias que están a sufrir con maior rigor a crise e os recurtes das políticas do Partido Popular.

A posta en valor da inmensa riqueza dos nosos ríos e regatos e do noso Patrimonio histórico, artístico e etnográfico, é un dos nosos sinais de identidade como Goberno. Os máis de sete quilómetros de Sendas Fluviais, os Parques Etnográficos  e a recuperación dos nosos monumentos supón un valor engadido moi importante tanto para a mellora da nosa calidade de vida como para atraer ata Salceda a visitantes que benefician a sectores como a Hostelería ou ao Comercio.

Marcos Besada afirma que “temos mellorado moito nestes doce anos mais queremos e podemos facer máis, porque Salceda merece máis. Preséntome con novas ideas, novos proxectos e o que é máis importante, coa garantía de contar cun equipo de persoas de confianza para levalos a cabo”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad