
Acudiron hoxe mesmo ao Cuartel do Porriño a poñer a correspondente denuncia tras o vivido nas últimas semans nas que a aparición dun vídeo vía whatsapp xa colmou a paciencia de alcalde e concelleiros
O equipo de goberno do Concello de Salceda de Caselas encabezado polo seu alcalde, Marcos Besada, personouse hoxe no cuartel da garda Civil de Porriño para presentar unha denuncia polos casos de amedrentamento, inxurias e incitación ao odio que se están a vivir nas últimas semanas, fundamentalmente sobre a figura do alcalde, pero tamén sobre o resto de compoñentes do equipo de goberno.
O último feito nesta cadena de acontecementos foi a posta en circulación vía whatsapp dun vídeo cargado de insultos e descalificacións para o alcalde e os concelleiros/as, cunha clara intención de incitación ao odio que agora veñen de poñerse en coñecemento da Garda Civil para que poidan ser investigados. A este vídeo teñen que engadirse capítulos de vixianza á casa do alcalde, así como de seguementos nos traxectos dende o Concello ata a súa propia vivenda.
O alcalde trasladoulle á Garda Civil a sensación de inquietude, ansiedade e preocupación que lle toca vivir tanto ao equipo de goberno como ás súas familias, lembrando que incluso a súa parella, persoa allea á política, aparece nunha imaxe no vídeo hoxe denunciado.
Insisten dende o equipo de goberno en que “son feitos e discursos intolerables; representamos ao conxunto dos 9.140 veciños e veciñas de Salceda, independentemente da súa ideoloxía, das súas crenzas, ou da súa orixe, e os cargos públicos que neste intre nos dedicamos ao nobre “oficio” de ser representantes públicos escollidos/as democraticamente non podemos ser as vítimas sobre as que trasladar as frustracións persoais con total impunidade: non o podemos permitir”.
Existe numerosa xurisprudencia que demostra que cando se profiren insultos de carácter persoal sen estar referidos nin relacionados con ningún feito en concreto non hai absolutamente nada que poida xustificar a inxuria, nin existe dereito ningún á liberdade de expresión que protexer, e este é, exactamente, o caso do vídeo do que agora se presenta a denuncia, xa que non se fai referencia a nigunha clase de feito ou actuación concreta de goberno, senon que simplemente consiste nun recopilatorio de insultos e descalificacións.
Marcos Besada: “Queremosunha Salceda e un País de homes e mulleres libres: a liberdade individual e colectiva é un valor imprescindible a defender. Atrás quedaron os tempos da coacción, do amedrentamento, do illamento social ao discrepante: non admitimos nin permitiremos o regreso a ese pasado; evitemos derivas que nos poidan levar ou que dean como resultado final acontecementos ou feitos de graves consecuencias das que nos poidamos lamentar: exemplos sobran nos últimos tempos”.