Redacción 04/10/2018

Esta mañá celebrouse na Axencia de Colocación de Mos a presentación do taller, á que asistiu o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves

 

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, achegouse hoxe ata a Axencia de Colocación de Mos para felicitar aos alumnos que inician a súa formación no “Mos coa Mocidade II”, o Obradoiro de Emprego promovido polaConsellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración co Concello mosense.

O representante autonómico -que estivo acompañado pola alcaldesa, Nidia Arévalo, e polo concelleiro de Promoción Económica, Emprego e Novas Tecnoloxías, Óscar Soto- puxo en valor o ambicioso obxectivo da carteira autonómica cunha nova programación de obradoiros, 105 na convocatoria 2018-2019, que busca impulsar a empregabilidade de 2.000 persoas en Galicia, incrementando nun 25% os fondos destinados a este programa.

López-Chaves, quen animou ao alumnado destes talleres a “aproveitar ao máximo a oportunidade que se lles brinda e formarse para acceder a un posto de traballo”, fixo especial hincapé no esforzo inversor do Goberno galego a prol do fomento do emprego, con 135 millóns de inversión en medidas centradas na orientación e na cualificación para favorecer o acceso dos galegos e galegas ao mercado laboral.

En canto aos talleres para menores de 30 anos sinalou que o obxectivo é o de “seguir impulsando o emprego entre a mocidade, un colectivo prioritario para a Administración autonómica”. Así, subliñou que dos oito proxectos de Garantía Xuvenil que impulsa a Consellería de Economía, Emprego e Industria na provincia de Pontevedra, seis corresponden á área de Vigo.

Respecto ao “Mos coa Mocidade II”, a Administración autonómica destina a este taller, no que se formarán 16 alumnos en tecnoloxía web e mobiliario de madeira en espazos públicos, máis de 154.000 €. Entre as propostas, figuran a mellora do mobiliario urbano do municipio e das instalacións da Escola Infantil municipal, así como o desenvolvemento da aplicación web do Concello.

O Obradoiro de Emprego enmarcado baixo o título de “Mos coa Mocidade II” e que conta cunha subvención autonómica de 154.262,40 €, trátase dunha acción destinada a desempregados maiores de 18 anos ata os 30 e que estean incluídos no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

O Obradoiro inclúe dous grupos integrados por 8 alumnos-traballadores cada un, e cada un dos grupos corresponderase cunha das dúas especialidades que se imparten e que son: traballos de carpintería e moble // instalación de elementos de carpintería. Nivel 2. (8 prazas). E desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxías web. Nivel 3. (8 prazas).

Durante o Obradoiro, de seis meses de duración, os alumnos-traballadores participantes, teñen un contrato de aprendizaxe e reciben un soldo, ademais de obter un certificado de profesionalidade (titulación oficial, que acredita as competencias aprendidas ao longo do Obradoiro e lles permite acceder ao mercado laboral con unha maior posibilidade de inserción).

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad