Redacción 20/09/2018

Ao redor dun centenar de rapazas e rapaces dos centros José Fernández López e Hermanos Quiroga Rodríguez participaron na acción escénica “Proxecto Aurora” de mans da actriz Mónica Camaño 

A deputada Digna Rivas reivindicou que mocidade“éa clave para rematar coa lacra dos asasinatos por violencia de xénero”

 

A deputada de Cohesión Social e xuventude, Digna Rivas, ea alcaldesa de Porriño, Eva García de la Torre, asistiron hoxe á vixésimo primeira intervención artística do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero” na Praza do Concello, unha iniciativa que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade.

A protagonista do acto foi a actriz Mónica Camaño que a través da súa obra “Proxecto Aurora” fixo un chamamento alto e claro ao fin das violencias machistas. Ao redor dun centenar de rapazas e rapaces dos centros educativos José Fernández López e Hermanos Quiroga, xunto a un grupo numeroso de veciñas e veciños da vila, presenciaron a acción escénica na que Camaño denunciou, mediante frases populares como “a muller e a sartén na cociña están ben”, as actitudes patriarcais e o machismo ao que están sometidas as mulleres.

Neste senso, Rivas quixo lembrar a importancia que teñen as accións do programa Violencia Zero da institución provincial para “darlle visibilización ás mulleres”. Ademais, a deputada provincial dirixiuse ao alumnado subliñando que “todas e todos vós sodes a clave para rematar coa lacra dos asasinatos por violencia de xénero”. Tamén aproveitou Rivas para destacar a labor do goberno de Carmela Silva ao ter creado unha área de igualdade que loita para acadar o fin da desigualdade e das violencias machistas.

Pola súa banda, a alcaldesa de Porriño resaltou que “a discriminación e a violencia contra as mulleres non vai cambiar se a mentalidade dos mozos non cambia, e isto é preciso facelo dende abaixo”. García de la Torre tamén incidiu en que ”aínda que queda moito traballo por facer, temos que desterrar os micromachismos e os macromachismos que conducen á violencia”, ”é necesario plantarse e dicir non, as mulleres temos dereito a decidir ter unha parella e acabar cando queiramos, sen que iso implique xogarnos a vida, homes e mulleres somos iguais en dereitos”, reivindicou a alcaldesa.

“Mulleres en Acción. Violencia Zero” reúne o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta terceira edición comezou en novembro de 2017 e novamente se celebra este ano en 25 concellos da provincia (Vigo, Pontevedra, Cerdedo-Cotobade, Mos, A Lama, Forcarei, As Neves, Lalín, Cambados, Ponteareas, Barro, A Cañiza, Valga, Silleda, Catoira, Gondomar, A Guarda, A Illa de Arousa, Bueu, Moaña, O Porriño, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Mondariz e O Rosal).

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad