Os rexidores dos concellos de Mos, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Ponteareas, Mondariz e As Neves apostan por unha solución para este grave conflito laboral e social
Este luns, o alcalde accidental do Porriño, Manuel Carrera, e o concelleiro de Industria, Marcelino Coto, foron os anfitrións dunha xuntanza para analizar a grave situación que atravesa Maderas Iglesias e facer un “chamamento a retomar a actividade laboral previa reactivación do proceso negociador entre as partes en conflito”.
Conscientes da irreparable consecuencia laboral e socioeconómica que suporía a eventual desaparición de “Maderas Iglesias SA”, e tendo a profunda convicción de que existe unha saída que conxugue os intereses do persoal xunto cos da parte empresarial, os alcaldesas e alcaldes de Mos, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Ponteareas, Mondariz e As Neves, instan á parte empresarial e social a xerar a suficiente sinerxia e confianza mutua como requisito imprescindible para volver á actividade produtiva e propoñen que sexa materializada a través do Consello Galego de Relacións Laborais e a Secretaría de Emprego da Xunta de Galicia como instrumentos útiles para esa finalidade.
“Dende as alcaldías queremos garantir o Emprego e a actividade económica nas nosas Comarcas e faremos todos os esforzos necesarios para conseguilo poñéndonos ao dispor das partes para acadalo”, sinalaron os máximos representantes destes concellos.