O grupo de goberno aclara que “O PP de Salceda volve intentar engañar aos veciños”
O Equipo de Goberno de Movemento Salceda, en resposta ás declaración feitas polo Partido Popular de Salceda con respecto á subida do recibo do IBI, lembra que o IBI é un imposto obrigatorio para os Concellos, e está dirixido polo Ministerio de Facenda a través da Dirección Xeral de Catastro… Os Concellos xestionan xunto a Catastro, e a recadación é integra
para os Concellos, pero é o Ministerio quen establece as directrices.
No caso de Salceda, é un dos poucos Concellos da Área de Vigo que ten Ponencia de Valores do ano 1.989; a valoración dos bens está polo tanto feita en base a ese ano, e é moi inferior á realidade. Por este motivo, o Concello de Salceda ten que incrementar un 8% o valor catastral co obxectivo de achegar os valores catastrais cando menos ao 50% do valor de mercado, obxectivo marcado dende a Dirección Xeral de Catastro. Por outra banda, a ordenanza do Concello de Salceda establece o tipo impositivo do IBI no 0,50% (ata o 2016 era do 0,53%), sendo un dos tipos máis baixos da comarca, pois a lei marca que deben estar entre o 0,50% e o 1,10%.
O PP de Salceda intenta de novo enganar á poboación afirmando que foi o Concello quen solicitou a actualización de valores, pois sabe perfectamente que a petición da actualización ao Ministerio non é máis que un trámite administrativo que ao Concello de Salceda, ó igual que a milleiros de Concellos en todo o País non nos queda máis remedio que realizar.
A ponencia de valores de Salceda poderíase ter actualizado se o PP e o PSOE non decidisen impedir a aprobación inicial do PXOM, que levaría parello que centos de parcelas rústicas que non teñen condición de solar e están nas normas subsidiarias en núcleo pasarían a tributar como tales.
Jose Luis González, Concelleiro de Facenda: “Non é de recibo que o PP de Salceda leve anos poñendo atrancos á acción de goberno e que agora busque unha vez máis enganar á cidadanía culpando ao Concello das directrices do Ministerio de Facenda que afectan ao conxunto do País”.