Redacción 06/09/2018

As nais e pais da escola unitaria de San Mateo consiguen o número de alumnos mínimos para a permanencia da escola neste curso

 

As nais e pais da escola de San Mateo superan o reto e consiguen o mínimo do alumnado esixido pola Xunta. Con seis alumnos matriculados, a parroquia de San Mateo recupera o sorriso e seguirá escoitando a algarabía das voces infantís que dan ledicia a este recuncho do rural.

Ilusionados e optimistas as nais e pais de San Mateo aférranse ao compromiso trasladado polo secretario Xeral Técnico, na reunión de hai unha semana, acordando manter aberta a escola, se no comezo do curso tiñan un mínimo de seis alumnos/as.

Sen sabelo, estes novos tres alumnos comezan a súa andaina educativa garantindo a permanencia desta escola, que so tiña que superar o reto deste curso 2018/2019 xa que para o vindeiro curso xa eran moitos os pais e nais os que adiantaron o seu compromiso de matricular aos seus fillos e fillas, que xa estarían en idade educativa.

O problema era este curso que comeza xa, un problema resolto grazas á loita das nais e pais e ao apoio de todos os colectivos veciñais e sociais, da Fundación Zúñiga, da FANPO, da ANPA Xuntanza, dos grupos da oposición EU e ACIP e de todo o goberno de Ponteareas; pero sobre todo, grazas tamén ás novas familias que apostan polo ensino de calidade nunha escola unitaria como a de San Mateo.

Unha nova familia que se traslada a San Mateo atraída polo servizo da unitaria e pola loita veciñal; unha profesora que consciente da importancia e da calidade do ensino nunha unitaria, cambia a matrícula do seu fillo dunha escola privada á de San Mateo; e outra familia máis que soubo que o ensino nunha escola non masificada, era moito máis agarimoso para os primeiros pasos do seu pequeno no mundo educativo.

As nais e pais de San Mateo entregaron este martes no rexistro de Ponteareas a documentación que enviaron áo Presidente da Xunta, Núñez Feijoó; ao Conselleiro de Educación, Román Rodríguez; ao xefe territorial, Pérez Ares; á dirección do CRA (Centro Rural Agrupado) e á Inspección de Educación.

A escola unitaria de San Mateo está en mellor forma ca nunca, e sigue aberta a todas aquelas familias que queiran -para os seus fillos e fillas- unha toma de contacto co ensino familiar, cercano e personalizado.

Este martes as nais e pais solicitaron unha xuntanza con todos os grupos da corporación municipal, para trasladarlles a súa nova situación e obter o seu compromiso e apoio.

As nais e pais agradecen ao goberno de Ponteareas o seu respaldo, mantendo firme a súa intención de incrementar os servizos que ofrecen as escolas unitarias para completar as eivas respecto aos CEIPs dos centros urbanos; e agardan que a resposta da Consellería sexa a mesma que se lles trasladou na reunión mantida con Jesús Oitavén, no mesmo día no que San Mateo se concentraba en San Caetano, diante das portas da Xunta de Galicia.

Todos os grupos da corporación respaldaron ás nais e pais da escola de San Mateo na reunión mantida hoxe, xoves día 6 en San Caetano, coa subdiretora de Centros e o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Os representantes de todos os grupos reiteraron o seu apoio á continuidade do ensino público na escola unitaria de San Mateo e ratificaron a súa conformidade coa demanda das nais e pais afectados que esixen a continuidade da escola ao obter o número mínimo de matrículas esixido pola Xunta de Galicia.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad