Redacción 02/09/2018

A colaboración coas Comunidades de Montes permite disfrutar a riqueza  natural e medioambiental de Ponteareas

As actuacións contan con financiación da Deputación

 

O concello de Ponteareas pon en marcha un ambicioso proxecto que permitirá contar cunha rede de parques forestais, situados en diferentes zonas xeográficas sobre terreos de 7 das 24 parroquias de Ponteareas. Esta iniciativa do goberno local presidido por Xosé Represas situará ao Concello nunha posición única en canto á oferta de espazos medioambientais, naturais, paisaxísticos e de lecer  en montes veciñais en man común.

Máis de 650 hectáreas (6.500.000 de m2) de monte serán revalorizadas e convertidas en grandes parques forestais para o desfrute da cidadanía e todos os que se acheguen a Ponteareas. “Agradezo a boa disposición das Xuntas Directivas e dos veciños e veciñas de cada unha das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común que facilitaron a posta a disposición do Concello dos terreos para realizar os Parques Forestais” manifestou o Alcalde que lembrou a línea de colaboración coas Comunidades de Montes iniciada polo actual goberno municipal.

Ponteareas contará nunha primeira etapa con catro grandes áreas forestais que simbolizarán a importancia do patrimonio natural, paisaxístico e cultural dos montes de Ponteareas e tamén a relevancia do monte veciñal, unha figura xurídica de posesión da terra propia de Galicia. Represas destacou que “con esta iniciativa de potenciar os espazos naturais proponse tamén unha alternativa de ocio e turismo ambiental que cada día conta con máis demanda”.

Cada un dos parques forestais contará no seu planeamento con medidas específicas para a protección contra os incendios forestais. “Os parques forestais serán as zonas máis preparadas fronte aos incendios”, afirmou Represas. Outra das actuacións iniciais en todos os parques estará centrada na eliminación de especies invasoras e a potenciación de frondosas.

A planificación tamén contemplará un uso multifuncional do monte para actividades deportivas, educativas e turísticas.

Tanto os plans dos parques como os distintos traballos a realizar serán financiados coa liña de axudas posta en marcha pola Deputación de Pontevedra para crear parques forestais, axudas que  son do 80% nuns casos e noutros do 70% do custe total das actuacións. O concello aportará de fondos propios a financiación restante.

Os parques forestais, propiedade de 7 parroquias están localizados na Picaraña, o gran espazo de parque forestal periurbano de Ponteareas, cun total de 218 hectáreas das comunidades de Arcos, Bugarín e Ponteareas; o Parque Forestal Seixiforna-Viveiro de 180 has., situado entre as parroquias de Ribadetea e Xinzo; O Parque Forestal San Cibrán-Moiños de Couso de 164 has. Propiedade das comunidades de montes de Guláns e Couso.

Os acordos destes três parques forestais foron aprobados nas asembleas de cada unha das Comunidades e o pasado 13 de agosto polo Pleno da Corporación Municipal. Iniciativa do goberno à que se opuxo ACIP e PP.  A estes tres parques sumarase o Parque Forestal dos montes da parroquia de Guillade unha área cun valioso patrimonio de petroglifos e mámoas.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad