Redacción 31/08/2018

Comezan a traballar un proxecto para que o tren deixe de pasar en superficie polo centro da vila

 

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, mantivo este venres unha xuntanza en Madrid coa presidenta de ADIF, Isabel Pardo de Vera, a petición dela, para retomar o proxecto de eliminación do paso a nivel que atravesa o centro da vila.

Na reunión, a alcaldesa reiterou a postura de toda a Corporación porriñesa que considerou inviábel e inaceptábel a construción dun paso soterrado ou elevado para peóns e coincidiu coa responsábel de ADIF en “traballar nun proxecto que conquerirá que o tren deixe de pasar en superficie polo centro do Porriño”.

García de la Torre vén de convocar aos voceiros dos grupos municipais para informarlles desta xuntanza, “da cal saín moi satisfeita e segura de que a eliminación do paso a nivel está máis preto que nunca”, grazas, subliña a alcaldesa, ao cambio no Goberno de España que entende que hai que afrontar con urxencia un problema “que padecemos as porriñesas e porriñeses e que pedimos que se solucione dende 1948, hai xa 70 anos”.

O seguinte paso será o de manter unha reunión de traballo co secretario de Estado de Infraestruturas do Ministerio de Fomento para fixar que os Presupostos Xerais do Estado para 2019, que o Goberno quere aprobar no mes de novembro, recolla o proxecto de eliminación do paso a nivel e o orzamento necesario para executalo.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad